Martín Seco Cendán recibirá o 30 unha homenaxe

O pobo de Vilalba renderá o vindeiro sábado, día 30 de abril, unha emotiva homenaxe póstuma a Martín Seco Cendán, un histórico socialista vilalbés ao que a morte sorprendeu de forma imprevista hai poucos meses.

Esta homenaxe cívica comezará ás 12.00 horas, na Rúa Mato Vizoso de Vilalba, onde naceu o homenaxeado. Os actos están capitaneados polo Foro Vilalbés de Debate e Cooperación, un ente ideado polo propio homenaxeado e que, curiosamente, tocoulle presidir ao seu fillo Martín Seco García, e ao que voluntariosamente tamén se sumou o propio Concello de Vilalba, así como outros colectivos e persoas, a título individual.

A secretaria do Foro Vilalbés de Debate e Cooperación, Margarita de Vicente Mato, intervirá neste acto, no que tamén pronunciará unhas palabras de recordo o rexedor da capital chairega, Gerardo Criado, quen logo descubrirá unha placa na casa onde naceu Martín Seco Cendán.

Os actos de homenaxe a este destacado socialista vilalbés trasladaranse logo ás inmediacións do Muíño do Rañego, onde a familia do falecido xa plantou un carballo na súa memoria e en cuxas inmediacións se poderá visualizar a partir do próximo sábado un monólito de Martín Seco Cendán.

O vicepresidente do Foro Vilalbés de Debate e Cooperación, Suso Trastoy, será o encargado de descubrir este monólito e, acto seguido, tomarán a palabra o sociólogo Bernardo García Cendán, o economista Manolo Roca Cendán e o escritor Agustín Fernández Paz.

Comentarios