Marisol Soengas, premio Executiva 2017: "Es necesario que se vea y se valore el trabajo femenino"

O galardón recoñece a traxectoria desta bióloga e investigadora galega na loita contra a melanoma e o seu papel "como referente para as novas xeracións de mulleres"
Carla Reyes Uschinsky y Marisol Soengas
photo_camera Carla Reyes Uschinsky y Marisol Soengas

A bióloga Marisol Soengas, directora do Grupo de Melanoma do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas, recibiu o premio Executiva 2017 que concede a Asociación Executivas e que se entregou no marco do V Foro da Comunicación de Galicia. Este galardón recoñece a traxectoria desta investigadora na súa loita contra a melanoma e a súa contribución a dar visibilidade ao importante papel da muller na ciencia.

A homenaxeada agradeceu este premio e valorou que o conceda un amplo colectivo de mulleres "moi activo á hora de crear redes de apoio para as emprendedoras, colectivo ao que agora pertenzo para achegar neste importante e necesario labor que é que se vexa e se valore o traballo feminino, e máis no campo das ciencias, onde as mulleres somos cada vez máis".

Carla Reyes, presidenta de Executivas, destacou o carácter emprendedor de Marisol Soengas, que compaxina as súas investigacións coa dirección do Departamento de Patoloxía Molecular coa posta en marcha dunha empresa orientada ao desenvolvemento de novas terapias antitumorais e coa fundación MEL para asesorar a pacientes con melanoma. "Cremos que é esencial que a sociedade coñeza o que fan mulleres como Marisol Soengas na investigación científica co fin de acabar con determinados estereotipos neste sector, cunha imaxe principalmente masculina. Os importantes logros conseguidos pola nosa premiada e a súa enorme proxección profesional permítennos dar pasos neste sentido xa que é un referente para as novas xeracións femininas", sostén.

Doutora en Bioquímica e Bioloxía Molecular pola Universidade Autónoma de Madrid, Mariol Soengas iniciou a súa etapa de investigadora en EE UU, no Cold Spring Harbor Laboratory de Nova York e na Universidade de Michigan. En 2008, regresa a España ao Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas. 

O galardón consistiu nunha escultura do artista galego Miguel Couto, denominada Muller, onde reflexiona sobre o triunfo persoal da muller.

Comentarios