A Mariña protagoniza a última estrea do Centro Dramático Galego

T:fotDIGITALDIGITAL\_Z4Q9030.jpg
photo_camera T:fotDIGITALDIGITAL\_Z4Q9030.jpg

O Centro Dramático Galego (CDG) estrea este venres no Salón Teatro de Santiago a obra As dunas, escrita por Manuel Lourenzo e dirixida por Quico Cadaval, co obxectivo de abrir "os ollos e ensanchar as conciencias". A acción transcorre na Mariña lucense, nunha nave industrial en desuso onde son convocados os personaxes, músicos, cantantes e bailaríns para animar a inauguración do free spa As dunas, un "moderno balneario musical" que terá como destinatarios "os amantes dos praceres prolongados".

As dunas permanecerá no Salón Teatro ata o 2 de abril con funcións os venres e sábados ás 20.30 horas e os domingos ás 18.00 horas. Ademais poderán solicitarse funcións escolares de mañá.

O propio autor do texto teatral, Manuel Lourenzo (O Valadouro, 1943), sinalou que esta é "unha obra sobre o amor" que "nestes tempos é moi necesario". Ademais, Lourenzo resaltou a "man tendida a Portugal" que presenta a obra, xesto que ten a súa importancia sobre todo de face ao futuro". O actor e dramaturgo asegurou que o obxectivo da obra é "abrir os ollos e ensanchar as conciencias" do público a través de imaxes transgresoras e "provocar un momento de pracer". "é un cabaret sobre o paraíso perdido", sentenciou.

O director de As dunas, Quico Cadaval (Ribeira, 1960), eloxiou o traballo do elenco de actores que participan na obra, "capaces de dar un produto roto, vulgar e apaixonado".

As dunas constitúe unha obra construída a través de teatro, danza e música en directo que, cunha estética de fotonovela e no cómic provoca "unha especie de pastiche cun pouco de aventura, un pouco de crítica política, un pouco de sexo e un pouco de risa".

Comentarios