A Mariña, en alerta amarela este sábado por choiva e vento

El Tiempo (23.10.20)

A Xunta activou a alerta laranxa por temporal costeiro para este sábado en toda a costa da provincia da Coruña, mentres que no resto do litoral galego permanecerá vixente a alerta amarela.

A través dun comunicado, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior do Goberno galego informou da activación do aviso laranxa desde as primeiras horas da tarde do sábado no noroeste e o oeste da costa coruñesa por ventos de forza oito. Durante o resto da xornada –tanto pola mañá como pola noite–, a alerta será amarela.

Nos litorais de Pontevedra e Lugo, pola súa banda, o nivel será amarelo durante toda o día por ventos de forza sete, segundo os datos da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet).

Ademais, para este sábado, a Xunta activou a alerta amarela en terra nas provincias da Coruña e Pontevedra por choivas. Tamén nestas dúas, xunto coa Mariña lucense, haberá aviso amarelo por ventos de ata 90 quilómetros por hora.

Por todo iso, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia (CIAE), informou da declaración aos concellos, deputacións, servizos provinciais, agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos afectados, entre outras entidades.

Neste contexto, a Xunta recorda a importancia de que as persoas se manteñan afastadas da liña de costa e doutras zonas que poidan ser varridas polo mar, co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar a persoas ou obxectos.

Tamén se aconsella realizar calquera actividade no mar e revisar os cabos e amarres das embarcacións.

Comentarios