martes. 18.01.2022 |
El tiempo
martes. 18.01.2022
El tiempo

Marcos Cela e Volta da Viña, escaleiras pechadas

Cierre de las escaleras del parque Marcos Cela
Cierre de las escaleras del parque Marcos Cela
Aumentan as críticas polo estado da escalinata fronte á rúa Santiago, a medio camiño entre o peche e o paso libre

Unha das cuestións que máis polémica suscitou por mor da ampliación do parque Marcos Cela, iniciada a mediados de 2009, foron as escaleiras que se sitúan na confluencia desta zona verde e a Volta da Viña.

Desde principios desta década xurdiu un vivo debate entre os partidarios de permitir o acceso libre e aqueles que, pola contra, defenden que se pechen definitivamente estes banzos polo risco que supoñen para a integridade física dos viandantes ao desembocar na beiravía dunha curva que non está protexida con ningún mecanismo de separación do tráfico, como bolardos.

En calquera caso, o estado actual destas escaleiras parece querer contentar a ambos os bandos, dado que nin termina de bloquearse o acceso nin tampouco acaba de prohibirse, posto que o valo que aínda perdura é facilmente franqueable, como testemuña o transitado paso contiguo.

Este luns o BNG rescatou este asunto, asegurando que "non podemos pasar máis tempo poñendo en perigo ás persoas que por alí transitan", xa que, segundo sinalou a edil Maite Ferreiro, "existen solución factibles, fáciles de acometer e que non precisan dun gran investimento e que darían seguridade a peóns e automobilistas neste punto".

Outros banzos conflitivos son, tamén nesa zona, os que comunican a N-VIN con Acea de Olga, que están moi descoidados e alagados de vexetación e que, do mesmo xeito que os anteriores, tamén desembocan nunha estrada na que non existe ningunha protección ou paso para peóns.

Ambas as escaleiras están á espera do destino dos fondos Dusi, dado que entre os plans do goberno atópase intervir nesta zona. Haberá que ver se ese diñeiro serve para que eses banzos empecen a conducir a algún lugar seguro.

Marcos Cela e Volta da Viña, escaleiras pechadas
comentarios