Maradona, a Capriles: "Eu non me vendín nunca"

O exfutbolista, que se postulou como "soldado" de Maduro, respondeu así a cando o líder opositor lle reprochou as súas palabras

Diego Armando Maradona acusou este mércores a Henrique Capriles, líder opositor ao Goberno de Nicolás Maduro, de venderse e vitimizarse, logo de que o venezolano o criticase este martes por postularse como "soldado" de Maduro.

"Capriles, comigo non te victimices. Eu sei moi ben o que é vivir con sete irmáns e non ter nada para comer. Oxalá tivésemos eses 15 dólares!!! A diferenza entre vos e eu é que eu non me vendín nunca. #VivaMaduro!!!", publicou este mércores en Facebook o campión do mundo con Arxentina en 1986.

Capriles criticou este martes a Maradona por postularse como un "soldado" do presidente de Venezuela. "Son xente que se di de esquerda e ao final viven como millonarios. Preguntaríalle a esa xente que se di de esquerda, que se di progresista, que di defender a Maduro, se eles viven con 15 dólares ao mes. Se é así que o sigan defendendo", dixo o Alcalde de Miranda.

Maradona acompañou o texto publicado cunha foto da casa na que se criou, situada en Vila Fiorito, unha das zonas máis pobres da provincia de Buenos Aires.

O adestrador arxentino atópase en Holanda, onde o equipo que dirixe, o Al-Fujairah da Segunda División dos Emiratos Árabes Unidos, realiza a pretemporada.

En Venezuela rexístrase desde o 1 de abril unha serie de manifestacións a favor e en contra do Goberno, que deixan 121 mortos, situación que se agudizou desde a instalación da Asemblea Constituínte o pasado venres, que non é recoñecida pola oposición e varios Gobernos e organismos internacionais. 

Comentarios