Manuel Vizcaíno: ''O labor do docente é máis eficaz se se prolonga na casa''

Manuel Vizcaíno, na Casa das Palabras (Foto: C. Pérez)
photo_camera Manuel Vizcaíno, na Casa das Palabras (Foto: C. Pérez)

En xuño, o director do Ceip Santo Estevo de Parga cederá tanto o cargo coma a praza de mestre de Música. Trala xubilación, conta con seguir á fronte da coral Xermolos de Guitiriz, na que leva máis de 20 anos, e poder dedicarlle tempo a afeccións coma a plástica.


O Santo Estevo ten este curso 54 alumnos, que vantaxes e desvantaxes ten estar nun colexio con poucos alumnos?

Vantaxes, para o profesor, é que a ratio por alumno é moi baixa e, para o alumno, que a atención pode ser máis personalizada e individualizada. As desvantaxes serían que, nalgúns momentos concretos, as dotacións da administración poden verse mermadas por ser un centro pequeno ou, cando se fan agrupamentos cos alumnos, sempre pode haber algunha disfunción ou carencia, como á hora de facer equipos.

Este tipo de centros están condenados a desaparecer?

Penso que non desaparecerán como tales, polo menos a curto ou medio prazo, pero se a tendencia do rural é que a poboación siga a diminuir si que poden sufrir modificacións, sobre todo no cadro de profesores.

O colexio de Parga participa en moitos programas escolares complementarios.

Temos a gala participar en moitas actividades que exceden o ámbito do propio centro, como programas de aprendizaxe permanente, programas de educación ó consumidor, nos que participamos dende hai máis dunha década, e, máis recentemente, na Axenda 21 Escolar. O obxectivo é completar a educación que se dá na programación ordinaria do currículum e conseguir cotas máis altas de formación no alumnado. A experiencia vén a demostrar que é un factor de socialización do alumnado, e serve como exemplo o programa estatal de Agrupacións Escolares, que compartimos durante catro anos con dous centros educativos de Madrid e de Barcelona e que supuxo un cúmulo de experiencias e de vivenzas que sería difícil proporcionarlles ós alumnos sen ese proxecto.

A música tería que ter máis presenza nas aulas?

A música si podería ter máis dedicación horaria, pero son consciente de que outras materias tamén teñen as súas necesidades de tempo e o conxunto das horas lectivas é fixo. Tendo que recurtar outras, non sei se sería convinte, pero dada a ponderación que na sociedade existe hoxe de cara á música tería que haber máis tempo para ela, aínda que non todo o mundo estea de acordo.

Os pais implícanse o que deben na educación dos fillos?

Si, como conxunto, salvando as individualidades. No noso colexio non temos queixa, aínda que sempre se pode reclamar máis interese. Non é preciso que os pais veñan ó centro, pero si que estean pendentes dos fillos para que lean, fagan os deberes, non abusen da televisión... Se o labor do centro se prolonga na casa sempre é máis eficaz.

Está a piques de xubilarse, nota moita evolución na educación no tempo que leva como mestre?

Houbo moitos cambios. Ultimamente as novas tecnoloxías supoñen un cambio importante nos métodos educativos e nos recursos. Indo máis atrás hai que falar dos cambios derivados das distintas leis educativas, a Loe, a Loce, a Logse, a Lei Xeral de Educación, porque todas supuxeron cambios. De todos eles os máis notables foron coa Logse, polo que representou á hora de reestruturar as etapas educativas ademais doutros aspectos curriculares, e coa Lei Xeral de Educación do ano 1973, porque foi unha pequena revolución no sistema educativo ó pasar das escolas unitarias e dispersas no rural ás agrupacións escolares nas vilas, cun grupo de profesores, o ensino por materias, a dotación de material... Foi a lei máis revolucionaria que houbo.

Como ve a incorporación das novas tecnoloxías ó ensino?

Facilitan o traballo e fan estar ó sistema educativo acorde cos tempos, porque non pode quedarse á marxe da sociedade. É unha necesidade imperiosa que a educación estea nese ámbito, aínda que a implantación das novas tecnoloxías na nosa comunidade presenta desfases temporais e disfuncións, porque non van simultáneas as dotacións, a formación do profesorado e os programas. Ilustrativo desto é que os profesores queiran facer un curso de formación e que escaseen as prazas. É un contrasentindo que os colexios teñan que cumprir obrigatoriamente un plan TIC e que haxa carencias de medios e de formación. Un exemplo é o proxecto Abalar, no que o noso centro non participa, pero por referencias entendo que non está funcionando como se anunciou.

Facendo balance, cales son os mellores momentos como director?

Os mellores momentos son cando o colexio consegue algún logro importante, como por exemplo a concesión do premio ós carteis das Letras Galegas que acadamos este ano, ou cando se obteñen melloras para as instalacións, porque costa traballo conseguilas.

Cre que botará de menos o ensino? Ten pensado que facer cando deixe a escola?

Supoño que si que o botarei de menos e que me vai sobrar tempo polo menos ó principio, como cando colles as vacacións do verán. Parece que che falta qué facer ata que pasa a primeira semana e te acostumas ó cambio de rutina. Espero continuar na coral Xermolos e teño outras afeccións, coma a plástica. Antes todos os anos facía algo, pero levo un tempo sen facer nada, teño cousas pendentes na cabeza e a miña idea é podelas executar. Foi a miña primeira inquedanza e a miña carreira era Belas Artes, pero non puido ser, polo que hoxe segue a ser a miña frustración e a miña ilusión. De feito, a música foi accidental, unha oportunidade laboral.

Leva varios anos colaborando co Centrad nos obradoiros portátiles, que cre que achegan?

É unha actividade extraescolar que completa a educación dos alumnos, no meu caso no campo da formación musical e, en xeral, axuda á súa socialización, ó compañeirismo ou á valoración do esforzo.

Duran dez horas, é tempo suficiente para transmitir conceptos?

Nós sempre montamos o programa en función dese tempo que nos vén dado polo Centrad. Algún ano fanse varios instrumentos sinxelos e outros un que sexa máis complicado. O máis dificultoso para nós é a diversidade na idade dos alumnos que pode haber nas clases, así que cando estes son pequenos fan menos instrumentos, mentres os maiores fan máis e, se se vai facer un só, increméntase ou diminúese a dificultade da elaboración segundo a idade.

PRETO
«Boto en falta a antiga canción protesta, a música con mensaxe»

Cal é o seu recuncho favorito da Chaira?

Un espazo que me atrae especialmente é o campo da feira de Parga, pola súa conservación, as reminiscencias da actividade que alí se desenvolveu e pola súa pureza de elementos.

Un libro.

Sempre me gustou ler poesía, sobre todo galega, así que calquera compendio ou escolma de poesía galega está entre os meus preferidos.

Unha viaxe.

Gustaríame ir ós Estados Unidos e espero poder facelo.

Un instrumento.

A guitarra, polo amplo espectro de recursos acústicos que ten e pola dificultade que entraña arrincarlle os sons.

Unha canción.

Calquera que teña mensaxe.

Un intérprete.

Quizais Joaquín Sabina. Boto en falta intérpretes e autores dese estilo de música, coma a antiga canción protesta ou a música galega dos 70, do tipo de Voces Ceibes.

Que é máis complicado, dirixir un colexio ou unha coral?

Máis complicado é o colexio, porque poden darse situacións máis variadas e heteroxéneas e xogas no marco dunha actividade reglada e pública, pero na coral a cuestión técnica non é menos importante e eu só son coralista, non hai unha profesionalidade. 

Comentarios