Manuel Rivas: ''A Guerra de España é a guerra de Troia; a guerra de todas as guerras''

Manuel Rivas logrou o soño de todo escritor: que os editores reúnan a súa obra nun volume tan ancho que nunca pase desapercibido nin física nin literariamente. ‘O máis estraño’ (Xerais; Alfaguara, en castelán) reúne cinco obras publicadas ao longo de vinte anos.

oS ESCRITORES que falan pouco escriben novelas longas, Manuel Rivas escribiu moitos contos porque é falangueiro. Reuniunos en ‘O máis estraño’, volume no que verqueu os contidos de ‘Un millón de vacas’, ‘Que me queres, amor?’, ‘Ela, maldita alma’, ‘As chamadas perdidas’ e ‘Contos de Nadal’.

Hai uns días presentaba a tradución para o serbio de ‘O lapis do carpinteiro’ na feira do libro de Belgrado. Un libro moi axeitado para un lugar que padeceu recentemente unha guerra civil.

Quería destacar que fun a esa feira como representante da literatura portuguesa. O convite inicial veu de profesores portugueses da facultade de Filoloxía en calidade de escritor da ‘lingua avoa’. Hai un recoñecemento do galegoportugués que me parece moi importante porque se fai dende a perspectiva nun lugar tan distinto de Europa.

Sen embargo, Portugal sempre se resistiu a recoñecer a ‘lingua avoa’, sempre negou ao pai.

Hai tempo que non acontece iso. En Portugal e en Brasil hai recoñemento, o problema é de autodescoñecemento. En canto a esa feira, é a maior desa parte de Europa. Trátase dunha cultura nun proceso curativo tras outro de odio e de escachizamento. A literatura ten moito que ver na saída dese inferno porque é a vangarda dese proceso de recompoñer a relación e combatir a desmemoria.

‘O lápis do carpinteiro’ fala do acontecido no 36 en Galicia, un tema constante na súa obra, tamén nos contos.

A Guerra Civil é a guerra de todas as guerras. Non se trata dunha obsesión miña por un período. A guerra é o escenario da derrota da humanidade. Espero que non se tome como unha frivolidade, pero a guerra de España é a guerra de Troia. O que escribo está referido ao drama da guerra. Atopei as experiencias máis conmovedoras fóra de aquí, na aperta que me deu un mestre iraniano exiliado en Londres, que era o mestre de ‘A lingua das bolboretas’, ou nas caras dos espectadores que miraban a proxección desta película nun parque de Buenos Aires. Tiña que ver con eles. Cando un escribe quere chegar do local ao universal. O que une a condición humana a estraneza.

O título deste volume refire a perplexidade ante o mundo.

Interesábame esa idea de que somos a sombra da sombra, ou, no meu caso, a sombra dun soño.

Un conto novo deste libro chámase así. Por que estes contos completos agora? Foi unha petición de Alfaguara? Vostede vende moitos libros e estamos en plena crise.

Foi algo híbrido. Alfaguara comentoume que había títulos esgotados, outros que, tanto en galego como en castelán saíran en coleccións xuvenís. Había contos que eran descoñecidos para a xente... Iso cadra cun momento de balance, momento sicolóxico en que un está mudando de pel, en que está cambiando, explorando novos eidos e novos xeitos de escrita.

Non entendo. Refírese a que está máis implicado na novela?

Non, a que cando escribes vives nun cambio permanente.

Comprendo, pero iso é continuo; non deste momento concreto.

Era un momento axeitado para convocar todos os relatos anteriores nunha mesma constelación.

A proposta de reunir cinco libros nun só volume é moi apetecible.

Pareceume unha proposta que respondía a certa natureza das cousas, a ver unha panorámica do hábitat que un foi creando, a enfrontarse ás propias pegadas , que poden provocar insatisfacción e tamén arrepentimento.

Recoñece o arrepentimento, pero resistiuse a cambiar os contos ou a eliminar algúns.

A primeira reacción foi facelo, porque non hai escritor que mire atrás e poida facer cánticos gloriosos. Hai momentos consustanciais ao propio traballo que son de insatisfacción. Os franceses falan da síndrome da escaleira, da necesidade de volver atrás cando estás arriba.

Por que non os reescribiu?

Hai unha certa corrección, revisión estilística. Entendo normal que non me convenzan todos, pero o dilema era publicar todos ou facer unha escolma. Ao relelos, cheguei a dúas conclusións. A primeira lina nun dos relatos, cando un personaxe di que «nunca borres as pegadas dun animal solitario». A segunda foi que ás veces os mellores contos son os que che parece que coxean por algures.

Son máis frescos? Teñen maís naturalidade?

Teñen outro aire.

Eliminar ou modificar relatos, non sería traizoarse?

Non tanto. En todos os oficios acontece iso. Agora resulta que o cadro negro de Malevich non era tan negro, tiña cores por detrás. Este é un oficio no que buscas unha certa elevación, estás na tarefa de reexistir no máis humano. Pero, neste caso, obedecín a voz dos contos, que pedían liberdade. Como lle día Vasili Grossman ás autoridades soviéticas: «Detéñanme a min, pero deixen en liberdade o meu libro».

José Luis Cuerda está rodando a adaptación cinematográfica de ‘Todo é silencio’. Cuerda e vostede manteñen unha relación estable nese senso de que el adapte os seus textos. Escribir sabendo que o que faga será adaptado non o condiciona? Non lle resta liberdade?

A historia de cada adaptación é diferente. No caso de ‘A lingua das bolboretas’ non pensei en que fose ser película porque non é habitual que os relatos cheguen ao cine. Foi unha sorpresa. Neste caso, foi diferente porque era algo no que estaba mergullado. Fun tentado para escribir guións, con amizade pero con insistencia. No caso de ‘Todo é silencio’ foi como un desafío, pero xa non se vai dar máis.

Non vai escribir máis guións?

Non digo iso, pero, se o fago,será a partir dunha obra de literatura, como nesta ocasión. Ata que escribín a novela non puiden facer o guión. O meu hábitat é a escrita. Eu son animal solitario á hora de escribir.

Gústalle traballar en solitario para desenvolver vostede as súas ideas?

Son un animal solitario á hora de escribir; logo, partillo.

Cústalle compartir o seu mundo?

Gústame o espectáculo do mundo, pero gústame andar so.

Leva tempo sen publicar un libro de contos. Vai entregar algún proximamente?

Teño abertas varias carpetas. O conto non é que ti queiras, o conto vai na túa procura. Ás veces prendes un lume e quedas mirando para el ata que te queimas os dedos. Iso é o conto.

Comentarios