Manuel Gago constata que a comunicación sobre cociña galega ''está por inventar''

O crítico gastronómico Manuel Gago constatou que "están desaparecendo os prexuízos que sobre a literatura gastronómica, que se consideraba como algo festivo", de xeito que non existen referencias: "Están todas por crear". Gago fixo esta consideración nas xornadas 'Focos e fogóns. Comer de cine' que, organizadas pola Fundación Tic e o instituto Sanxillao, se están desenvolvendo en Lugo para analizar as relacións entre a gastronomía e o sector audiovisual.

Na percepción de Gago, "nos últimos dez anos a gastronomía colleu protagonismo no audiovisual e empeza a haber un público". Este gastrófilo relaciona o feito de que a cociña pasase de achegar receitas para que fosen reproducidas nos fogares a dar unha importancia crecente á cultura que rodea o feito de comer.

O atranco era que durante moitos anos "o discurso político ocupou unha boa parte do espazo nos medios de comunicación", algo que está virando en beneficio de temas como o bo xantar. "As sección de estilos de vida nos xornais contribuíron a ese cambio, porque agora moita xente viaxa para comer nun sitio determinado", apunta.

Referentes
O blogueiro, que opina de gastronomía no seu espazo Capítulo 0, reiterou que "está todo por inventar", alegando que na literatura gastronómica galega "non hai pais, soamente avós", en referencia a Picadillo, Álvaro Cunqueiro ou Daniel Sueiro, "pero están todos mortos hai moitos anos".

Engadiu que a xeración intermedia "non existe". "Temos a Xabier Rodríguez Baixeras e o seu 'Diario de comidas' e pouco máis". Cita tamén catro libros sobre a cociña galega nas estacións do ano que escribiu Pepe Iglesias, "pero foi algo concreto porque é madrileño e xa non vive en Galicia".

Visitas
Manuel Gago, que escribe e fotografía os contidos de Capítulo 0 —no que hai un apartado consagrado á gastronomía—, sinalaba este xoves que os xoves percibe no blog "que empeza a aumentar o número de visitas porque a xente mira o sitio no que vai ir comer na fin de semana".

Por mor diso, non fai un comentario sobre un restaurante "na primeira vez" que vai, senón na segunda. "Hai que ser moi respectuoso co que escribes, porque moitos críticos non se decatan de que para moita xente ir xantar a un restaurante é algo que fan de cando en vez por unha ocasión especial ou para agradar a alguén".

Hai dúas vantaxes dos blogs sobre as guías: "Nós publicamos os prezos reais, non un 30 por cento máis baixo como acontece nas guías, e subimos as fotografías dos pratos, que é importante porque a xente quere saber exactamente que vai comer; sobre todo, cando vai a un restaurante de cociña moderna, porque ten medo de non saber exactamente o que vai comer ou que lle sirvan unha cantidade escasa".

A respecto dos apartados do seu blog, asume que o número de visitas aos contidos de comida é maior que o que se produce nos de viños. "Non estamos contando ben os viños, estamos demasiado centrados na cata, falando de características que a xente non aprecia", recoñece.

Propón, daquela, non limitarse á cata, "que sempre ten nun aire científico, cando beber é un acto social". A alternativa é comentar "a historia do viño, o tipo de uva, o viñedo no que se produce ou as horas que lle dá o sol".

Comentarios