A maioría dos pais mariñáns cumpren o calendario de vacinación

Os centros de saúde contan cun protocolo especial para os nenos adoptados noutros países e tamén se revisan as vacinas que teñen administradas os pequenos inmigrantes
Administración de una vacuna oral a un niño
photo_camera Administración de una vacuna oral a un niño

O contaxio por difteria dun neno de 6 anos na localidade catalá de Olot abriu o debate sobre o cumprimento ou non do calendario de vacinacións marcado por Sanidad. A falta de cifras concretas, os pediatras constatan que a maioría dos pais mariñáns optan por vacinar os seus fillos tal e como está establecido. "Sempre hai algún que se nega ás vacinas, pero son moi poucos e intentamos sempre convencelos de que o mellor para o neno é administrarlle as vacinas correspondentes", asegura o pediatra do Hospital da Costa, Assad Abadi.

As maiores dificultades coas vacinacións que se poden dar nesta zona xorden coa poboación inmigrante ou cos nenos adoptados. "Algúns pequenos procedentes doutros países veñen sen vacinar ou mal vacinados, ben porque no seu lugar de orixe o calendario de vacinacións é diferente ou por deixamento dos pais", explica o xefe do servizo de Pediatría do Hospital da Costa, Manuel Silveira. Neste sentido, o pediatra destaca que os países de Sudamérica teñen un calendario bastante completo e moi parecido ao español, mentres que nos países do leste de Europa, de África ou de Asia as diferenzas son moito maiores.

Nestes casos hai protocolos especiais para adaptar a administración de vacinas. "Cando chegan aquí, normalmente facemos analíticas para ver que anticorpos traen e adminístranselles aquelas que non teñen", explica Silveira. A este respecto, Abadi puntualiza que tamén se produce o caso contrario e nenos que están vacinados segundo os criterios de aquí necesitan algunha vacinación especial cando viaxan aos seus países de orixe.

Os pediatras tamén descartan que poidan xurdir brotes dalgunha enfermidade, porque a maioría da poboación está vacinada polo que actúa de barreira para a posible propagación dun virus. Tamén desta barreira se benefician aqueles que optan por non vacinar: "Os que están en contra das vacinas benefícianse dos que estamos vacinados", puntualiza Silveira.

MENINXITE B. E este debate sobre as vacinacións xorde cando está aínda candente a negativa de Sanidad a incluír a vacina da meninxite B entre as obrigatorias e gratuítas, fóra de casos puntuais. Tanto Silveira como Abadi son partidarios da súa administración e están expectantes ante o anuncio de Sanidad de que nos próximos meses poderá conseguirse nas farmacias españolas. "É totalmente recomendable, porque é segura e eficaz", di Silveira. A este respecto Abadi engade que os especialistas seguirán loitando para que entre no calendario gratuíto.

Estas recomendacións dos pediatras fan que moitos pais se despracen a Portugal ou a Andorra a comprar a vacina ou ben a piden a farmacias deses países. Con todo, esta decisión xera controversia porque pode romper a cadea de frío e é dificil detectar os lotes de orixe.

Comentarios