Macho ou morte!

MENTRES Vargas Llosa condena a Fidel; Willy Toledo absólveo e ponlle unha necrolóxica de 40 módulos no Granma, e Maradona queda orfo de pai por segunda vez en menos dun ano...

MENTRES Vargas Llosa condena a Fidel; Willy Toledo absólveo e ponlle unha necrolóxica de 40 módulos no Granma, e Maradona queda orfo de pai por segunda vez en menos dun ano, a Historia déixalle os xuízos aos confrades de faladoiro e vive a súa natureza rigorosa de notario: o cotián dunha Cuba alfabetizada e sanitarizada, pero «burocratizada, militarizada, xerarquizada, autoritaria, dogmática» (Carlos Taibo) e coa disidencia empadroada nos cárceres.

A relación da Cuba revolucionaria cos escritores foi de aquí te pillo aquí te purgo. Dunha homofobia que convertería a Antonio Cañizares nun cardeal ‘friendly’ e que se resume en dúas das consignas máis sobadas da propaganda castrista: «Macho ou morte» e «Ata a heterosexualidade, sempre». En 1965 había 60.000 homosexuais nos campos da Umap (Unidades Militares de Axuda á Produción), construídos un ano antes na provincia de Camagüey para someter aos presos a traballos forzados e adoutrinamento político. O Primeiro Congreso Nacional de Educación e Cultura (1971) prohibiu o recoñecemento de artistas homosexuais «por seren enfermos patolóxicos, amén de persoas inmorais». Os delitos contra «o desenvolvemento normal das relacións sexuais» quedaron penados con ata trinta años de prisión ou mesmo con pena de morte.
Nada que sorprenda, se volvemos a escoitar as ‘Palabras aos intelectuais’, o discurso de Fidel que clausurou, en xuño de 1961, o Primeiro Congreso Nacional de Escritores e Artistas. É un labirinto de argumentos concéntricos para chegar ao eslogan mestre do castrismo: «Cales son os dereitos dos escritores e dos artistas, revolucionarios ou non revolucionarios? Dentro da Revolución, todo; contra a Revolución, ningún dereito». A arenga, ameazadora, ten 12.176 palabras: o Comandante puido aforrar 12.154.

—0—

Salvador Sostres é un tipo que sempre ten pinta de precisar unha ducha. Salvador Sostres é un tipo que parece sucio mesmo acabado de duchar. Pero o que Salvador Sostres pensa e e di e escribe: fede máis.

Comentarios