Luisinho admite o seu erro, pide perdón e que lle deixen traballar con normalidade

O portugués Luis Carlos Correia, Luisinho, lateral do Deportivo, admitiu o seu erro polo incidente que protagonizou co seu compañeiro Alejandro Arribas no adestramento do pasado sábado pola mañá, desculpouse polo sucedido e solicitou que lle deixen traballar con normalidade, xa que aínda segue parcialmente apartado do grupo.

Nun comunicado escrito en portugués, o xogador luso pretende "aclarar de forma pública os acontecementos da última semana". "Como se viu a través das imaxes transmitidas sucedeu un desencontro entre eu e o compañeiro nun adestramento colectivo, un incidente feo, impropio e equivocado, polo que unha vez máis pido desculpas ao club, aos dirixentes, aos meus compañeiros, aos adestradores e, moi especialmente, a todos os afeccionados do noso Dépor", explica. "Digo o noso Dépor porque sinto este club como nunca sentín outro, a miña familia e eu fomos recibidos nesta cidade dunha forma moi cariñosa, afectiva e apaixonada, e por iso o meu total arrepentimento", sostén o xogador.

"A vida segue adiante e neste momento temos todos que gardar o noso orgullo e elevar o maior interese, que é servir ao Dépor", escribe o lateral portugués. "Entoo así o 'mea culpa' e póñome a disposición totalmente coa miña profesionalidade, carácter e paixón cara a este club para pechar dunha vez este asunto e traballar para ser o que sempre fun durante toda a miña historia aquí na Coruña", expón.

Luisinho chegou ao Deportivo en 2013 cando o equipo acababa de perder a categoría e a súa viabilidade era incerta, e contribuíu ao ascenso de 2014 e a manter ao equipo en Primeira División a tempada pasada, unha traxectoria que recorda no comunicado. "Cando cheguei aquí o club estaba nunha situación económica difícil, disputaba a Segunda División e todos tiñan medo do futuro. Eu crin neste proxecto, comprometinme co meu traballo e hoxe todo está ben diferente e síntome orgulloso por ser parte deste éxito", indica.

Por todo iso, Luisinho, que ten contrato ata 2018, pide volver ser un máis nos plans do corpo técnico, que deseñou un plan específico de traballo para el desde o incidente do sábado. "Só quero que me deixen traballar e axudar ao club como axudei estes dous anos. Defendo que cos erros todos crecemos e aprendemos e eu estou humildemente disposto a aceptar o meu erro", manifesta Luisinho, que dirixe o comunicado a "todo o universo deportivista" a quen envía "un abrazo".

Comentarios