Lugo correrá contra a droga

A Universidade de Santiago organiza o próximo 26 de novembro a I Carreira Campus Terra, que porá en valor o sector universitario lucense e promoverá hábitos de vida saudables
Autoridades presentes en la presentación de la carrera
photo_camera Autoridades presentes en la presentación de la carrera

Correr é san; facelo por unha boa causa, moito máis beneficioso. Ese é o obxectivo da I Carreira Popular Campus Terra, que organiza o servizo de Deportes da Universidade de Santiago de Compostela, e que se disputará nos arredores da sede universitaria lucense o próximo 26 de novembro. O evento, ademais, será tamén a III Carreira Universitaria Galaico-Duriense Contra a Droga, co deporte como medio para promover os hábitos de vida saudables entre os mozos, os estudantes e a sociedade en xeral.

A proba contará cun circuíto de 7.400 metros, con saída e chegada no estadio Gregorio Pérez Rivera, e os deportistas correrán sobre asfalto e terra. As categorías que poderán participar no evento son sub 20, sub 23, sénior (ata 34 anos), máster A (de 34 a 47 anos) e máster B (a partir de 48).

A carreira iniciarase ás 11.30 horas, e tras partir do Pérez Rivera, os participantes encamiñaranse polo bordo do Miño, cruzando a pasarela sobre o mesmo e á volta o circuíto penetrará no Campus Terra, bordeando algúns edificios emblemáticos como a Facultade de Empresariais ou a biblioteca Intercentros, un trazado esixente pero realizable tanto por deportistas afeccionados como profesionais.

A carreira foi presentada este martes na Vicerreitoría de Coordinación coa presenza das numerosas entidades que colaboran no evento. Así, no acto participaron o director do servizo de Deportes da USC, Miguel Magán; o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Javier Bueno; o xerente da Fundación Galega contra o Narcotráfico, Fernando Alonso e o concelleiro de Deportes do Concello de Lugo, Miguel Fernández, así como representantes das empresas patrocinadoras, Jesús García por parte de Leite Río e María Troncoso, de Coca-Cola.

O evento contará, ademais, coa colaboración doutros organismos como a Federación Galega de Atletismo, a Deputación de Lugo, as universidades de Porto, Minho e Tras Os Montes-Alto Douro -Portugal-, A Coruña e Vigo e o grupo El Progreso.

"Esta carreira enmárcase dentro da colaboración que ten a fundación coas tres universidades galegas. Cremos que, moitas veces, as accións de prevención rematan na época do instituto e non chegan á universidade, por iso propoñemos facer esta carreira e outra serie de actividades relacionadas coa prevención do consumo de drogas", explicou Fernando Alonso.

Miguel Magán, director do servizo de Deportes da USC, afirmou que desde a universidade sempre se "promoven este tipo de carreiras de carácter solidario, tanto en Santiago como en Lugo", mentres que Javier Bueno recordou que a carreira suporá "tamén unha boa oportunidade para descubrir e dar a coñecer as instalacións e os centros docentes do campus universitario de Lugo, así como o resto da cidade".

Comentarios