Lugo contrata vixilancia privada ante os primeiros actos vandálicos

O Concello de Lugo viuse obrigado a contratar os servizos dun vixiante privado de seguridade como consecuencia dos primeiros actos vandálicos e comportamentos incívicos detectados no recinto do antigo cárcere do Partido Xudicial, hoxe convertida no centro cultural Vello Cárcere logo dun investimento millonario, sufragada con cargo ao Plan Europeo Urban.

Fontes municipais indicaron que, poucas semanas logo da súa reapertura, xa se detectaron danos no propio edificio e no material das exposicións temporais e permanentes que alberga ese recinto.

A rexedora local, Lara Méndez, confirmou a contratación dese vixiante, aínda que tamén indicou que, con independencia dos actos vandálicos perpetrados no Vello Cárcere, a intención do goberno local xa era "dotar de seguridade" a ese recinto, por "precaución".

Ante eses primeiros actos vandálicos, acelerouse o proceso e "de xeito inminente" empezará a traballar no recinto da vella prisión un vixiante.

En todo caso, a rexedora local quixo "apelar á conciencia cidadá" e á idea de que "o patrimonio é de todos e temos a obrigación de coidalo", porque cando se provoca un "dano" no "Vello Cárcere, non se lle fai dano ao Concello, a unha administración, senón á cidade e á súa imaxe".

"Apelo aos valores cívicos e a inculcar o respecto polo noso patrimonio", concluíu.

Comentarios