Lugares nos que nunca estivemos

MÁNDAME UN AMIGO, pola internet, a referencia dun libro: ‘Bayard, Pierre: ‘Comment parler des lieux où l’on n’a pas èté?’. Ed. Minuit, 2012. 18€, con IVE’, e vén acompañada dunha nota persoal na que fai por xustificar o envío polo servizo que, na súa opinión, podería render a «todos aqueles que, coma ti, andades a fabular enredos e argallar historias». Eu, que lle agradezo a deferencia que comigo ten, comprendo a boa vontade coa que pretende axudarme e mesmo creo que o libro pode resultar bastante divertido -e digo isto baseándome exclusivamente no que o título me suxire-, non creo que nos poida ser de moita utilidade a aqueles a quen se refire o meu amigo. Os que «andamos a fabular enredos e argallar historias» non pretendemos, ao facelo, enganar a ninguén nin queremos coar por verdade cumprida aquilo que, segundo Oscar Wilde, non é senón verdade inventada. O que desexamos é levar aos demais canda nós e, a ser posible, descubrir xuntos lugares, xentes e tempos nos que ninguén antes andou. E sen ir dar nunca nesa impostura enfeitada á que o libro de Bayard parece convidar.

Certo que, ao citalo nós aquí con todos os detalles, poderiamos estar axudando a que algúns dos que teñen xa por costume actuar deste xeito consigan mellorar a súa técnica, mais tampouco non é menos certo que, ao teren ocasión de coñecer o seu contido, outros haberá que adquiran máis facilidade para descubrir os pretendidos enganos dos que, con libro ou sen el, falan seguido de lugares nos que nunca -ou case nunca-chegaron a estar, polo menos de todo. Imaxino o ben que lle virían os consellos que Pierre Bayard debe dar no seu libro a tantas e tantos dos do meu tempo que que sen mover unha folla cando era o momento falaron despois de persecucións e cadeas até lograr que o seu nome figurase nalgunha lista, aos que, para igual fin, negaron pertenzas e adhesións..., canto proveito lle estarán a sacar hoxe algunhas parlamentarias e algúns parlamentarios para dicirnos dun sitio que case sempre parece estar medio baleiro, e o señor Presidente do Consello do Poder Xudicial falando do seu lugar de traballo desde a suite dun hotel de Marbella... Que boa axuda para os que pretendan describir o lugar exacto onde unha vez estaban aparecendo certos ‘brotes verdes’, para saber dos moitos sacrificios levados a cabo nos consellos de administración de determinados Bancos -e Bankias- e Caixas de Aforro, localizar as estancias nas que escoitar, discutir e comprender opinións alleas, criticar a decoración do despacho da que foi empresa pública e no que hoxe aquel que no seu día fora presidente de goberno ou ministro -ou ministra- desenvolve o labor, que debe resultar esgotador vista a enorme cantidade de euros -ou dólares- que cobran...

Confesarei que, vistas así as cousas, mesmo pensei, por un momento, en facerme co libro, pero desbotei a idea de contado. Polo que dixen ao empezo e tamén porque a cada paso me resulta máis traballoso ler en francés. Ademais creo que tampouco non sabería aproveitar como é debido as súas ensinanzas.

Comentarios