Os votos do PP sacan adiante as leis de emprendemento e racionalización da administración

O Parlamento galego aprobou hoxe cos únicos votos a favor do PP e o rexeitamento dos tres grupos da oposición as leis de emprendemento e competitividade da economía galega e de racionalización da administración.

A lei de emprendemento establece a supresión de licenzas previas con carácter xeral e ofrece instrumentos de financiamento para os emprendedores, así como incentivos económicos e fiscais.

Esta normativa tamén crea a unidade Galicia emprende, que emitirá informes de viabilidade para proxectos maduros en trinta días como máximo, así como puntos de atención ao emprendedor que servirán para que se poida crear unha empresa en menos de 24 horas.

Outras ferramentas son a posta en marcha de microcréditos, o fondo Galicia emprende e a figura "business angels", así como a previsión de chegar a 130.000 emprendedores ao final da lexislatura.

Os portavoces dos grupos da oposición coincidiron en criticar a "subordinación" do Parlamento ao Goberno autonómico pola posta en marcha da unidade "Galicia emprende" a pasada semana antes de que se aprobase hoxe o proxecto de lei, en tachar a normativa de "propagandista" e en censurar a falta de fondos para desenvolvela.

O deputado socialista Abel Losada reprochou á Xunta que mate" os instrumentos de financiamento da economía galega e preguntouse con que fondos vai apoiar o Executivo autonómico aos supostos emprendedores.

Losada criticou que a Xunta "en aras de facilitar o emprendemento está a fomentar a volta á selva" para que sexa "máis fácil rabuñar" algúns negocios.

Na súa intervención chamou a atención sobre a contradición que existe, segundo dixo, entre o número emprendedores que pretende crear a lei e as previsións de creación de emprego da Xunta.

Chelo Martínez (AGE) tachou de "propaganda" esta lei que, ademais non dá solucións nin contempla medidas concretas para revitalizar o emprego feminino nin entre os menores de 25 anos, unha crítica que expuxo tamén Carme Adán (BNG), que tachou de lei "ficción" o proxecto aprobado.

A deputada de AGE cualificou de fenómenos aos deputados do PP por pretender facer crer que se pode "facer máis con menos" e sinalou que a lei é unha "maldita fraude".

Adán (BNG) ironizou na súa intervención sobre a importancia que o PP e a Xunta dan a cada lei que aproban e reclamou explicacións sobre a negativa do grupo maioritario a aprobar algunha das máis de trinta emendas rexeitadas.

O deputado do PPdeG Pedro Arias destacou aspectos "importantísimos" da lei como a supresión con carácter xeral das licenzas municipais para abrir un negocio e asegurou que se trata da "lei máis importante no ámbito económico" que aprobou a Xunta nos últimos cinco anos.

Ao termo do debate, o deputado socialista e tamén as representantes de AGE e BNG mostraron a súa desconformidade cunhas declaracións de Pedro Arias e como as súas queixas non foron atendidas dixeron que protestarán pola actitude de Miguel Santalices, que nese momento ocupaba a Presidencia do Parlamento.

Por outra banda, a Cámara autonómica aprobado hoxe tamén a lei de racionalización da administración.

As portavoces dos grupos da oposición coincidiron en criticar esta lei que, na súa opinión, non servirá para racionalizar nada e si para cumprir co programa do PP a favor da privatización, a estabilidade financeira e o recorte de autonomía municipal, dixeron, unhas acusacións que negou a portavoz dos populares no debate.

Esta lei establece a autoprovisión de servizos e tarefas pola Administración sempre que se poidan realizar cos seus medios.

Deste xeito, será obrigatorio que a Administración realice cos seus medios a prestación de asistencia xurídica, as auditorías, traballos estatísticos e formación de empregados públicos, entre outras tarefas, segundo un catálogo de medios que xa existe e que será publicado.

Tamén está previsto facer pública unha listaxe de servizos de contratación centralizada sobre o mantemento de instalacións, limpeza, seguridade, servizos postais e telegráficos, reparación de vehículos, gas e electricidade.

Para que as pequenas e medianas empresas poidan participar nestas licitacións incluiranse cláusulas de salvagarda para permitir o seu concurso de modo que, sen prexuízo a contratación centralizada, sempre que se poida se faga por lotes, para facilitar que pemes se poidan presentar.

Ademais, a lei rebaixa os limiares para a contratación menor, a que se realiza ata agora por encargo directo sen necesidade de concurso, e obrigará á presentación de tres ofertas coa garantía de que non haxa relación entre elas.

Na actualidade, os límites están fixados en 18.000 euros para subministracións e servizos e en 50.000 euros en obras, mentres que a nova lei prevé que as cantidades se reduzan á metade, de modo que serán 9.000 euros para subministracións e 25.000 para obras.

Tamén queda a partir de agora regulado por lei que sexa obrigatoria a publicación de patrimonio e renda de cargos da Xunta ao chegar e abandonar as súas responsabilidades.

A nova norma establece tamén a presentación periódica de plans de reestruturación da administración e modifica, ademais, a lei de montes para permitir ás forzas e corpos de seguridade levantar procedemento sancionador cando deteñan a alguén cometendo unha infracción, como provocar incendios forestais.

Comentarios