Os veciños de Quiroga disporán a partir de abril dun novo local social e centro de día

É de 300 metros cadrados e está no barrio da Ribeira
Edificio para el centro social, centro de día y piso tutelado que se levanta en A Ribeira.
photo_camera Edificio para el centro social, centro de día y piso tutelado que se levanta en A Ribeira.

O Concello de Quiroga ten todo preparado para inaugurar o día 22 de abril un novo centro social e cultural no municipio. Trátase dun local de 300 metros cadrados de superficie útil que foi acondicionado na planta baixa dun edificio de nova construción levantado no barrio da Ribeira.

O alcalde, o popular Julio Álvarez Núñez, sinalou que, se as condicións meteorolóxicas son favorables, o día da apertura destas instalacións, dotadas con diferente mobiliario e ata cunha cociña, a administración local terá acondicionado a contorna, onde é necesario realizar un movemento de terras para o seu posterior axardinamento.

O centro sociocultural está pensado principalmente para os veciños da Ribeira, pero o mandatario local asegurou que estará aberto a calquera colectivo do municipio que solicite o seu uso. "Queremos sacarlle o maior rendemento posible a unhas instalacións que, creo, están moi ben dotadas", declarou Julio Álvarez.

En canto ao resto da edificación, dúas plantas superiores, Álvarez indicou que nunha delas habilitarase un centro de día con capacidade para 22 persoa maiores.

"Trátase dun servizo do que non dispomos na comarca, de aí o interese de montalo e polo en funcionamento. É necesario, moi necesario, se temos en conta o elevado número de veciños maiores que temos na zona", declarou o alcalde.

En canto á súa xestión, Julio Álvarez manifestou que se estudarán varias fórmulas, desde ser levado directamente polo Concello a chegar a algún acordo cunha empresa especializada en servizos xeriátricos.

Polo momento, engadiu, non se decidiron polo modelo a aplicar tendo en conta que as obras do centro de día están paralizadas, esperando retomalas no mes de xuño.

PISO TUTELADO. Nunha circunstancia similar atópase o proxecto a executar na segunda planta deste edificio levantado na Ribeira. A idea do equipo de goberno de Quiroga é facer un piso tutelado, unha especie de albergue destinado a situacións de urxencia social.

Na construción de todas estas instalacións, o Concello quirogués investirá 300.000 euros. A práctica totalidade desta partida correrá a cargo de fondos propios da administración local.

Comentarios