Os veciños de Pousada xa dispoñen de novas leiras

Os veciños de Pousada, no municipio de Baleira, xa poden utilizar as novas leiras resultantes do proceso de concentración parcelaria iniciado no ano 2009 e que a Consellería de Medio Rural dá por teminado.

Esta reorganización de terreos afectou a 2.931 parcelas pertencentes a 177 propietarios. O proceso comezou hai dous anos e requiriu un investimento de algo máis de 600.000 euros por parte da Xunta de Galicia. Estes fondos destináronse a elaborar a documentación ambiental precisa, á creación dunha rede de camiños secundarios e ao acondicionamento de novas leiras.

O Diario Oficial de Galicia anunciou na súa edición de onte que os afectados por este trámite poden comezar a usar as novas leiras resultantes da concentración.

Reclamacións

A partir da toma de posesión, os adxudicatarios dos terreos teñen un prazo de 60 días para presentar reclamacións ante a xefatura territorial da Consellería de Medio Rural en Lugo, no caso de que existan diferenzas superiores ao dous por cento entre a cabida real das novas parcelas e a que conste no expediente de concentración.

Comentarios