Os veciños dos Peares impiden unha obra de Fenosa

La movilización de los vecinos (Foto: TOÑO PARGA)
photo_camera La movilización de los vecinos (Foto: TOÑO PARGA)

Veciños da vila dos Peares concentráronse este mércores na entrada da presa chamada Os Peares 2 para impedir o comezo das obras previstas pola empresa Gas Natural-Fenosa, que suporían o corte durante un mes do único acceso do que dispoñen a unha parte desta localidade dividida entre Carballedo e Pantón (provincia de Lugo) e A Peroxa e Nogueira de Ramuín (provincia de Ourense).

Fontes oficiais da empresa explicaron a Europa Press que as obras previstas son a recuperación de varias rocas mergulladas que, por arrastre natural, atascan varias tomas da presa situada no río Miño, ao seu paso polos Peares, o que fai precisa a instalación dun gran guindastre sobre o viario que cruza a presa e o traballo de varios mergulladores baixo a auga.

"Os traballos poden durar entre dez e doce días, aínda que no anuncio publicado en prensa falouse dun mes, como se fai sempre, en previsión de que xurdan novos traballos", segundo fontes da empresa consultadas por Europa Press, que tamén expresaron a "flexibilidade" da entidade para "negociar cortes de tráfico descontinuos", cun portavoz veciñal e a través dun representante da empresa que acudiu ao lugar.

Os veciños chegaron á entrada da presa, na beira esquerda do río Miño, ás oito da mañá, e impediron o asentamento do camión-guindastre e do comezo dos traballos.

Segundo o portavoz, Manuel Novoa, o corte previsto da estrada "suporá que os veciños dos Peares non poderán ir ao centro médico, nin ao supermercado, nin os turistas a varios locais hostaleiros situados na beira dereita do río". Ademais, un microbús procedente de Ferreira de Pantón non poderá recoller a dous maiores que acoden ao centro de día.

Segundo Novoa, a empresa propón traballar durante dúas horas e abrir o viario durante 20 minutos, de forma sucesiva, mentres que a petición veciñal é que os traballos se fagan pola noite, "tal como fíxose hai ano e medio para construír a minicentral que está no mesmo lugar". O corte da estrada non se realizará, segundo as fontes de Gas Natural-Fenosa consultadas, ata que se chegue a un acordo cos veciños afectados.

Comentarios