Os talleres para preparar o desfile do Samaín empezan hoxe no Vicedo

Os talleres para a preparación do desfile de Samaín do Vicedo empezan hoxe. A actividade está organizada polo Concello e a asociación de pais de alumnos do colexio vicedense. O percorrido está programado para o luns, ás 19.30 horas.

Namentres, as persoas interesadas poden participar nos talleres, que se desenvolven desde hoxe ata o sábado na casa da cultura, a partir das 17.00 horas. Durante os obradoiros, novos e maiores baleirarán as cabazas e prepararanlles os ocos para simular os ollos e o nariz, así como o sitio onde se situará a luz. A actividade está pensada para os nenos, pero tamén se pide colaboración de adultos para un traballo laborioso.

Os pequenos, a partir de tres anos de idade, tamén terán talleres na biblioteca. O desfile do luns partirá da casa da cultura e percorrerá as principais rúas da localidade. O acto está aberto a nenos e adultos, aínda que non acudan aos talleres, a condición de que vaian vestidos de branco e porten unha cabaza con luz. Ao final haberá un magosto.

Comentarios