Os restos mortais de Botín serán enterrados hoxe en Santander

Os restos mortais do presidente do Banco Santander, Emilio Botín, chegaron pasadas as 22.00 horas deste mércores ao palacio O Promontorio, a antiga casa da familia na capital cántabra, onde foi recibido con aplausos por un centenar de persoas.

Os medios de comunicación esperaran longo tempo a que chegase o féretro á que foi residencia da familia Botín en Santander, situada no Paseo de Pérez Galdós, e que en 2006 foi doada á Fundación Botín, cuxo padroado presidía Emilio Botín e que ten como vocais a varios membros da familia.

Ata entón, xornalistas, cámaras de televisión e fotógrafos foron case as únicas testemuñas do escaso movemento que se rexistraba no Promontorio, unha residencia desde a que se gozan dunhas vistas privilexiadas da bahía de Santander. Ata o lugar só se achegaron unha ducia de curiosos, algún dos cales depositou un ramo de flores no enreixado da leira.

Entre os familiares, a primeira en chegar foi Carmen Botín, filla maior do presidente do Banco Santander, xunto aos seus tres fillos, froito do matrimonio co golfista cántabro Severiano Ballesteros.

Despois chegaron varios vehículos, nun dos cales viaxaba o irmán de Emilio Botín, Jaime, mentres no exterior se incrementaba o número de persoas que se achegaban ata a propiedade, situada nunha zona residencial con pouco tráfico de vehículos e peóns.

Comentarios