Os restos da calzada de Santo Domingo son do cardo máximo

Antes da aparición dos restos do acueducto na rúa San Marcos, acháronse outros na parte alta da Praza de Santo Domingo, que se acaba de confirmar que corresponden ao cardo máximo, unha das principais vías públicas que atravesaba a cidade romana.

O achado desta calzada, á altura da beirarrúa que hai á beira da entrada do aparcadoiro subterráneo, produciuse durante as obras de renovación da iluminación pública que se están acometendo na praza e que controla o arqueólogo Roberto Bartolomeu.

Algúns arqueólogos que levan anos estudando a cidade, como a responsable do servizo municipal, Covadonga Carreño, intuían que por esa zona debía de discorrer unha calzada romana, e agora acábase de confirmar que efectivamente había unha vía pública e que, ademais, era o cardo máximo. Esta calzada comunicaba o norte da cidade co foro.

Agora as investigacións arqueolóxicas encamiñaranse a resolver certas dúbidas, coma se a calzada achada discorría paralela ao acueducto ou se este ía por baixo.

Máis restos

As entrañas da Praza de Santo Domingo depararon nas últimas semanas máis achados arqueolóxicos, como fragmentos do acueducto que esta semana emerxeu con máis claridade na Praza de San Marcos.

Cerca do convento das Agostinas saíron á luz restos do que podería ser un hipocausto (sistema de calefacción), aínda que non está determinado con seguridade.

Nesta zona, a Xunta paralizou temporalmente as obras de renovación da iluminación porque non se estaba realizando o preceptivo control arqueolóxico.

Comentarios