Os plácidos 70 anos do exalcalde López Orozco

O que foi rexedor socialista de Lugo entre 1999 e 2015 é septuaxenario desde este venres. Vive afastado da primeira liña política pero activo nas redes sociais, onde tira de retranca. "Esta xuíza non podería vir para Lugo?", pregúntase tras o arquivo da causa de 23 persoas na operación Patos

José López Orozco (Fazouro-Foz, 15 de setembro de 1947) foi alcalde durante década e media en Lugo (1999-2015), tras ser profesor de Filosofía e delegado de Cultura da Xunta. Entre os seus alumnos figura José Blanco, europarlamenario, exministro e exnúmero dous do PSOE, partido ao que chegaron ambos tras pasar polo PSP de Enrique Tenro Galván.

Pendente aínda de temas xudiciais, hai un par de anos deixou a alcaldía en mans da súa compañeira Lara Méndez e acabou afastándose do aparato socialista e de José Ramón Gómez Besteiro, exlíder do PSdeG. Desde entón mantívose en segundo plano, aínda que segue activo nas redes sociais. Este venres, sen ir máis lonxe, aproveitou para tirar de ironía e reclamar para Lugo á xuíza da operación Patos, que só deixou como investigado a Rafael Louzán e arquivou a causa de 23 persoas, entre elas a do rexedor socialista vigués Abel Caballero. Un dardo cargado de retranca contra a maxistrada Pilar de Lara.

Sempre campechano, irónico e con capacidade de empatizar, segue moi de cerca todo o que pasa no seu partido e na política galega e nacional. En ocasións mostrou o seu apoio explícito a candidatos como José Luis Méndez Romeu, en Galicia, e Susana Díaz, en España, ambos os dous derrotados en sendas primarias.

Goza do seu tempo libre paseando pola cidade de Lugo, viaxando (de cando en vez visita a unha das súas fillas en Nova York), asistindo a algúns foros e sen esquecerse da súa paixón pola fotografía. 

Comentarios