Os 'indignados' de Lugo estarán acampados ata o domingo

Os 'indignados' que continúan protestando na Praza Maior de Lugo non levantarán o campamento, como mínimo, ata o domingo, porque ese día celebrarase unha asemblea para tomar decisións, segundo informaron fontes do movemento 'Democracia real'.

De feito, esas mesmas fontes confirmaron que na mañá deste venres solicitaron un "punto de rede eléctrica" para dispor de enerxía no campamento, dado que ata agora tiveran que arranxarllas cun xerador.

No campamento permanece sempre un mínimo de sete persoas, o mesmo número de representantes do movemento que queda a durmir. En total, están a participar na protesta unha trintena de mozas, que se turnan para ter unha presenza constante na Praza Maior.

As asembleas para "tomar decisións", aclaran os mesmos informadores, celébranse todos os xoves e domingos, polo que é seguro que, agás que sexan desaloxados, pasarán polo menos outras dúas noites no campamento da Praza Maior.

Por outra banda, están a intentar levar a súa protesta "a outros barrios da cidade", para o que o movemento se está coordinando nas redes sociais", apuntan fontes de 'democracia real'.

O seu principal reto para os próximos días é "organizarse en comités para coordinar as actividades" e para realizar "accións conxuntas" con outros membros do mesmo movemento, especialmente con aqueles que están acampados na localidade lucense de Monforte de Lemos.

Comentarios