Os hostaleiros celebran unhas xornadas sobre gastronomía típica de outono

José Manuel Parada. aep
photo_camera José Manuel Parada. aep

A delegación na zona sur da asociación provincial de hostalería, a cuxo fronte está Beatriz Vila, organizou a primeira edición das Xornadas Gastronómicas de Outono nas que participarán 36 establecementos da cidade do Cabe.

Durante este sábado, domingo e luns, neses locais hostaleiros haberá tapas, racións e menús realizados con produtos típicos do outono e nalgúns farán festas propias desta época do ano.

Cada establecemento terá exposto un cartel que o identificará como participante e uns folletos nos que aparece a relación de locais adheridos á xornada e o que ofrece cada un.

As xornadas serán apadriñadas polo xornalista e colaborador de diferentes programas de televisión José Manuel Parada, que estará o domingo en Monforte para dar unha charla con motivo da conmemoración da consecución fai 125 anos do título de cidade para a poboación. Este acto comezará ás seis da tarde.

Desde a asociación de hostaleiros animaron aos veciños a acudir á casa da cultura a escoitar a este xornalista natural de Monforte.

Comentarios