Os escritores galegos recoñecen a catro lugueses

Catro creadores nacidos en Lugo acadaron premios polas obras que publicaron no 2008, dentro dos galardóns que concede cada ano a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e que se deron a coñecer na Cea das Letras que se celebrou este sábado.

Os lugueses premiados polas súas obras son Miguel Anxo Murado, Xavier P. Docampo, Xulio L. Valcárcel e Teresa Moure, que foron os que sumaron máis votos dos membros da AELG.

Murado logrou o premio de ensaio por Fin de século en Palestina (Galaxia); Xavier P. Docampo, por O libro das viaxes imaxinarias (Edicións Xerais de Galicia), na categoría de literatura infantil e xuvenil. En poesía, o distinguido foi Xulio L. Valcárcel, por A melancolía dos corpos (Ediciones de la Sociedad de Cultura Valle-Inclán), mentres que Teresa Moure acadou o de teatro por Unha primavera para Aldara (Deputación Provincial de A Coruña).

Tamén resultaron premiados pola AELG Inma López Silva, pola súa obra Memoria de cidades sen luz (Galaxia), en narrativa, e Gonzalo Navaza, pola tradución da obra As flores do mal, de Charles Baudelaire (Galaxia).

Ana Romaní foi distinguida pola súa traxectoria xornalística. O premio a institucións foi para a sección de literatura do Liceo de Ourense, e foi considerado o mellor blog literario As uvas na solaina, de Marcos Valcárcel.

Con todo, a protagonista da Cea das Letras foi a mexicana Elena Poniatowska, distinguida como Escritora Galega Universal.

Segundo salientou a AELG, "os galardóns, concedidos por escritores/as para escritores/as, levan camiño de se afianzar como uns dos de máis prestixio no noso panorama literario".

Comentarios