Os comuneiros dos Vilares farán o vindeiro sábado a súa reunión anual

José Luis López Fraga, junto al monolito de O Batán (Foto: N. Rodríguez)
photo_camera José Luis López Fraga, junto al monolito de O Batán (Foto: N. Rodríguez)

A comunidade de montes dos Vilares, no municipio de Guitiriz, celebrará o vindeiro sábado a primeira edición da súa Xuntanza de Irmandade, unha xornada festiva de convivencia e confraternidade, pensada pola actual directiva da comunidade de montes para profundar nas relacións sociais entre os comuneiros, tal e como indicou José Luís López Fraga, que preside unha xunta directiva da comunidade de montes da que tamén forman parte Miguel Pérez, Ramón Pardiñas e Xullo Rego.

A celebración dun ágape popular, que será servido e degustado na chaira do Batán, un lugar emprazado nunha parcela case que contigua ao cemiterio parroquial na que a comunidade de montes veciñais xa investiu algún diñeiro para embelecer a zona mediante a colocación dun dolmen e un menhir, será o acto central dun programa festivo que arrincará cun animado vermú a partir das 13.00 horas.

Este xantar de confraternidade que podería congregar a preto de 500 persoas -a comunidade de montes dos Vilares está formada por un total de 192 comuneiros-, será a antesala a unha sobremesa durante a que se procederá ao nomeamento do Veciño de Honra, unha distinción simbólica ideada polo propio López Fraga para dar maior decoro a unha celebración chamada a ter continuidade os próximos anos.

As candidaturas presentadas polos membros da directiva da comunidade e montes dos Vilares son moi diversas e incumben tanto a veciños que, a recado estarán presentes no ágape, como a outros xa ausentes, pero que contribuíron en vida ao desenvolvemento social, cultural e económico desta parroquia guitiricense.

O promotor da primitiva escola dos Vilares, Manuel Cancelo, emigrado durante anos á Habana; o párroco Ramón López, o mestre Andrés Pérez Carballeira, o carteiro Faustino López Carballeira, quen durante anos tamén actuou como practicante do pobo e o tamén falecido párroco Celestino Freire Díaz conforman unha relación de nomes que optan a recibir a título póstumo a distinción de Veciño de Honra dos Vilares.

O actual tenente de alcalde de Guitiriz, Jesús Veres e o xubilado Jesús Gómez Díaz tamén soan como candidatos para recibir esta simbólica condecoración.

Comentarios