Os bombeiros controlan as chamas en Góis, o último foco activo do incendio declarado en Portugal

Máis de 1.200 efectivos terrestres que combateron as chamas na zona durante a madrugada comezarán agora os traballos para evitar eventuais reactivacións do lume
Incendio
photo_camera Incendio

As autoridades deron este xoves por controlado o incendio en Góis, o último foco que permanecía activo do devastador incendio desatado o sábado no centro de Portugal, onde morreron 64 persoas e máis de 200 resultaron feridas. O comandante Carlos Tavares, de Protección Civil, dixo a xornalistas en Góis -situado no distrito de Coimbra- que os máis de 1.200 efectivos terrestres que combateron as chamas na zona durante a madrugada comezarán agora os traballos para evitar eventuais reactivacións do lume.

Xunto a eles traballan 301 bombeiros españois que lles axudarán nestas tarefas, agregou Tavares, en tanto que se espera a chegada en próximas horas á zona de catro avións pesados e dous helicópteros para asegurar o perímetro, cuxa extensión non precisou.

O incendio de Góis era o último foco que quedaba por controlar do devastador incendio que comezou o sábado no termo municipal de Pedrógãou Grande, no distrito de Leiria. As chamas nesta zona foron dominadas este mércores e agora máis de 1.150 efectivos ocúpanse das tarefas posteriores, dedicadas a controlar un perímetro que ten unha extensión de 153 quilómetros.

Tavares destacou este xoves que a velocidade do incendio, empuxado polas altas temperaturas e o forte vento, foron as principais causas de que se tardaran cinco días en controlar o lume, tamén complicado pola orografía das áreas afectadas. Polo menos 64 persoas morreron e 204 resultaron feridas no incendio, considerado o máis mortífero da historia de Portugal, onde comeza agora a complexa tarefa de avaliar os danos mentres continúa a procura de explicacións para coñecer a orixe do lume.

Comentarios