domingo. 16.01.2022 |
El tiempo
domingo. 16.01.2022
El tiempo

Os 66 criadores de capón porán á venda ao redor de 1.800 exemplares na feira de Vilalba

Os 66 criadores de capón rexistrados na capital chairega porán á venda este domingo, día 20, ao redor de 1.800 exemplares deste produto típico de Vilalba na tradicional Feira do Capón. Esta cita, que conta cun orzamento de 18.000 euros, volverá celebrarse baixo unha gran carpa que se instalará a partir do venres na Praza da Constitución.

O programa deste ano conta con dúas importantes novidades, tal e como explicou este martes na presentación desta convocatoria a edil de Feiras e Mercados, Cheri Grandío. A primeira é o cambio de data, xa que se adianta ao día 20, en vez do 21 como viña sendo nos últimos anos, para facela coincidir en domingo, despois do éxito de público da edición pasada. Por mor disto, por non ser un día laborable, atrasarase media hora a apertura do recinto feiral ao público. Así, no canto da o as 9.30 abrirase ás 10.00 horas.

O prezo por unidade oscilará entre os 90 e os 100 euros, comentaron os organizadores. O alcalde de Vilalba, Gerardo Criado, explicou neste sentido que o feito de celebrar de novo a Feira do Capón en domingo favorecerá a "afluencia de público, tanto de compradores, polo que non caerán os prezos, como de visitantes á vila, o que beneficia a comercios e locais de hostalería".

ás 12.30 celebrarase a entrega de premios aos mellores exemplares. Repartiranse 650 euros, dos que 300 serán para o mellor criador, 200 para a mellor cesta e 150 para o mellor par. "Os premios xa son algo anecdótico, porque antes era como un incentivo para que os criadores se esmerasen, pero isto xa se logrou hai tempo", explicou Criado. Engadiu que o capón de Vilalba é un produto "cada vez máis homoxeneizado" e que cumpre requisitos "cada vez máis estritos".

Degustación
O Concello de Vilalba e a asociación de criadores volverán entregar un capón a cada local de hostalería que o solicitou para preparar tapas que se ofrecerán aos clientes o domingo a partir das 12.30 horas. Nesta ocasión, están anotados uns trinta establecementos.

A xornada completarase coas actuacións de música e baile de Entre Lusco e Fusco, a Charanga de Vilalba e Pandereteiras de Andrade.

Os 66 criadores de capón porán á venda ao redor de 1.800 exemplares...
comentarios