Localizan a dous menores como presuntos autores da queima de colectores e papeleiras en Lugo

A voz de alarma dérona os veciños da Avenida da Coruña ás tres menos cuarto da madrugada deste xoves

A Policía Nacional identificou este xoves a dous menores de idade, de 16 e 17 anos, que presuntamente lle prenderon lume a máis dunha decena de papeleiras e a dous colectores en oito rúas de Lugo polas que pasaron cando regresaban a casa. Ambos vestían de negro, levaban posta unha capucha e portaban un chisqueiro.

A voz de alarma dérona os veciños da Avenida da Coruña ás tres menos cuarto da madrugada deste xoves cando viron dous das papeleiras arder á altura dos números 95 e 66.

O lume foi apagado polos axentes da Policía Nacional, coa axuda dos extintores que levaban nos seus coches patrulla, e os bombeiros.

Os menores foron localizados cando un deles entraba no portal do seu domicilio e a súa roupa cheiraba fortemente a fume. Os rapaces mostráronse nerviosos ao ser interceptados polos axentes e bótanse a culpa dos actos vandálicos o un ao outro.

Unha vez sexan entregados aos seus pais, a Policía porá os feitos en coñecemento da Fiscalía de Menores. Tamén está á espera de que a concesionaria da limpeza viaria, Urbaser, cuantifique os danos.

Comentarios