''Levo anos sen ter vacacións''

La monfortina Pilar Valdivieso repasa El Progreso con su hija Carmen. Foto: TOÑO PARGA
photo_camera La monfortina Pilar Valdivieso repasa El Progreso con su hija Carmen. Foto: TOÑO PARGA

A monfortina Pilar Valdivieso Álvarez é a pletórica primeira gañadora das estancias na Mariña que sortea El Progreso entre os seus lectores. Ela e a súa familia terán a oportunidade de gozar de quince días de vacacións nun apartamento de Barreiros durante o mes de xullo.

«Non puiden durmir a noite que me decatei de que nos tocou e coa emoción cando me chamaron do xornal a primeira vez para comunicarmelo case non se nin o que me dixeron», apuntou onte.

Para Pilar Valdivieso, o seu marido Guillermo Rodríguez e a súa filla Carmen, de sete anos, resultar agraciados coa estancia foi algo máis que unha boa noticia. Por motivos de traballo a familia leva varios anos sen saír de vacacións, razón pola cal o premio lles veu «como anel ao dedo». «Faremos o posible para axustarnos ás datas e sacarlle partido», dixo.

Pilar Valdivieso, que reside no barrio da Estación de Monforte, visita a diario aos seus pais, que son subscritores. Ademais, o seu marido é un fiel seguidor do deporte local polo que é habitual que chegue cun exemplar de El Progreso a casa. Entre uns exemplares e outros, Pilar calcula que enviou catro ou cinco cupóns para o sorteo.

«Sempre participo neste tipo de iniciativas, pero nunca me toca nada así. Cando vin a promoción pareceume interesante, enviei os cupóns, pero tampouco me preocupei máis», explicou.

Tanto foi así que o día que saíu publicada a relación dos primeiros premiados esqueceuse de consultar a lista. Pero soou o teléfono.

«Foi unha tolemia, a miña filla é a que máis emocionada está, porque non se imaxina pasar quince días na praia», comentou Pilar.

Na casa desta monfortina lese El Progreso a diario. ela comeza polas seccións de Ribeira Sacra e Vivir, mentres o seu marido vai directo a Deportes. De todos os xeitos, sempre lle dan un repaso a todo. «En xullo lerémolo baixo o parasol ou almorzando no apartamento», chancea.

O sorteo de estancias na Mariña continúa e aínda restan por saír tres agraciados que poderán gozar do apartamento a segunda quincena de xullo e en agosto.

Co propósito de gañar unha das estancias participou tambuén as lucense Dolores Díaz Arias, que foi agraciada cun vale por 300 euros en compras en establecementos asociados á Asociación de Comerciantes e Industriais (Acia) de Viveiro.

Como Pilar, Dores tamén remitiu catro resguardos doutros tantos recortes de El Progreso. «Envieinos todos o mesmo día e foi unha gratísima sorpresa, porque sempre parece que non che vai a tocar nada nos concursos...», comentaba onte.

Pero esta vez a sorte estivo do seu lado.

Dolores Díaz asegura que será «un pracer» poder facer un gasto de 300 euros no comercio viveirense, «que desde sempre foi moi bo, así que darei boa conta deste premio en familia». E ela dio con coñecemento de causa, porque leva veraneando na costa de Lugo «desde que tiña catro anos».

«Imos todos os anos»

Primeiro, en Xove e en Viveiro e, agora, no municipio de Foz, preto da praia de Peizás e de Fazouro. «Imos todos os anos e eu sempre digo que prefiro un día bo na Mariña que quince en calquera sitio; as nosas praias non teñen nada que envexarlle a ningunha», engade.

Dolores destaca que aínda se poden atopar praias e paisaxes virxes e que, se o día non é especialmente asollado, unha pode experientar a satisfacción de chegar ata os areais por paraxes pouco concorridas e ter a praia case en exclusiva. «Non nos fai falta un turismo masificado».

Esta agraciada considera «moi de agradecer» que El Progreso poña en marcha a iniciativa Vacacións na Mariña para potenciar a costa lucense.

Comentarios