Chega á Coruña o cadáver do afeccionado do Deportivo falecido en Madrid

O cadáver de Francisco Javier Romero Taboada, alias Jimmy, que faleceu o domingo en Madrid nunha liorta entre ultras do Deportivo e do Atlético, chegou ás 17.15 horas ao tanatorio da Coruña, onde esperaban familiares e amigos. O coche fúnebre, do Tanatorio Norte de Madrid, accedeu ao Tanatorio Albia da Coruña, polo acceso posterior á entrada principal do recinto.

Dentro do tanatorio coruñés, onde se instalou a capela ardente, unha vintena de familiares e amigos, visiblemente emocionados, agardaban a chegada dos restos mortais do seguidor do Deportivo.

Nas inmediacións ao tanatorio, unha decena de cámaras de televisión, fotógrafos e xornalistas cubriron a chegada do cadáver do afeccionado do Deportivo, que previsiblemente será enterrado mañá no cemiterio coruñés de Feáns. Nas portas principais de Albia situáronse dous furgóns con efectivos da Policía Nacional que se mantiveron alerta por se se producían incidentes como os desta mañá en Madrid.

Alí, a Policía identificou a dúas persoas tras enfrontarse a un cámara de televisión na porta do Tanatorio Norte, onde se atopaba o corpo de Francisco Javier Romero e desde onde viaxou a Galicia, informaron a Efe fontes policiais.

Jimmy, natural da Coruña, faleceu o domingo como consecuencia dun traumatismo cranioencefálico con hemorraxia e o estalido do bazo por un golpe provocado posiblemente por unha barra de ferro, segundo determinou a autopsia que lle practicaron este luns.

Comentarios