Lidia Senra alerta sobre o estado da Ponte Vella de Monforte de Lemos

Para a eurodiputada a peonalización do monumento sería "un obxectivo básico"

A eurodiputada lucense Lidia Senra, integrada no grupo confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), denunciou este luns ante a Comisión Europea que a Ponte Vella medieval de Monforte  de Lemos "necesita actuacións urxentes para a súa conservación" e a súa "peonalización".

Esta ponte, situada sobre o río Cabe, é un dos monumentos máis emblemáticos da capital monfortina, un ben inventariado que forma parte do conxunto histórico-artístico do seu casco antigo, que conta á súa vez coa distinción de BIC (Ben de Interese Cultural).

Por este motivo, segundo sinala a europarlamentaria galega a través dun comunicado, sería "un obxectivo básico" a peonalización da ponte, dado que "o tránsito rodado que soporta excede as posibiLidiades do monumento", sinalou Senra.

De feito, esta mesma medida recóllese no Plan Especial de Protección e Rehabilitación do Centro histórico da cidade, aprobado inicialmente polo consistorio monfortino o pasado 3 de agosto.

Para evitar a "deterioración" do monumento, Senra presentou un escrito no que pide á Comisión Europea que "tome algunha medida" para que os estados asinantes do Convenio para a salvagarda do Patrimonio Arquitectónico Europeo "teñan actuacións eficaces".

Segundo o previsto, a Comisión debería dar resposta a este escrito nun prazo de entre catro e seis semanas. 

Comentarios