domingo. 18.04.2021 |
El tiempo
domingo. 18.04.2021
El tiempo

Levon Kendall: ''Ante o Barça debemos estar relaxados pero con intensidade''

O á-pivote do Blu:sens Monbus, Levon Kendall, asegurou que o seu equipo ten que afrontar o reto de enfrontarse ao Barcelona este domingo (12.30 horas) no Fontes do Sar "relaxados pero con intensidade".

O interior cre "que é unha gran oportunidade poder xogar ante N'Dong" e "que a todos os xogadores gústalles este tipo de retos", polo que intentará "gozar e xogar forte" nos minutos nos que estea sobre a pista.

Ademais, explicou cales son as diferenzas entre esta campaña e a pasada na que están "nunha situación distinta" porque "o obxectivo é xogar ao máximo nivel" e antes estaban en LEB Ouro mentres que agora militan "na ACB".

O internacional canadense confesou que estudaron a fondo ao rival, que actualmente é líder da competición, e que, sen dúbida, será un encontro que quede para o recordo de todos os presentes no Sar.

"Todos nós sabemos que equipo ten o Barça, vímolo moitas veces pola tele, coñecemos os xogadores, vai ser un gran partido, co pavillón bo e nel intentaremos facelo o mellor posible para gozar coa afección", indicou.

Sobre a mala xeira Kendall ten claro que o importante foi ter opcións en todas as contendas a pesar de sumar xa cinco derrotas de xeito consecutivo e iso faille confiar no que vén a continuación.

"Estivemos moi preto de gañar en todos os partidos e aínda hai que mellorar algunhas cousas, estamos bastante preto de ir para arriba e hai que ter en conta de que é pronto e hai que estar concentrado no camiño", sinalou.

Para terminar explicou como afronta o partido tanto el como os seus compañeiros que saben que o Barcelona é o máximo favorito para levar un triunfo ante o penúltimo desta fase regular da competición.

"Sufrir nunca, este fin de semana non temos moita presión, a partir de aí hai que pelexar e veremos ao final do partido que pasa, se imos relaxados, sen presión e tensión pero con intensidade, non imos sufrir e todo irá moito mellor", finalizou.

Levon Kendall: ''Ante o Barça debemos estar relaxados pero con...
comentarios