Lembranzas coresmais

AQUELAS ordenanzas da Igrexa católica que eran de obrigado cumprimento durante a Coresma aló polos anos das miñas, xa tan afastadas, infancia e mocidade non deben estar xa vixentes, ou iso é o que, polo menos a primeira vista, parece. Non sei eu se as cousas son agora como son por causa do moito que mudaron algúns dos costumes dos fregueses colocados nos chanzos máis baixos do escalafón ou se é porque os intereses da institución son agora outros e a preocupación polos condóns en África, as leis de aborto, os cadriños do impreso da declaración da renda ou a educación para a cidadanía ocupan unha boa parte do seu negociado de desvelos en detrimento de moita da memoria recente.

E pensaba eu nisto un destes venres pasados observando como algúns dos meus veciños de comedor nun local de hostalería daban boa conta dun abundante e apetitoso cocido e víñanme á memoria as ensinanzas do catecismo do padre Gaspar Astete —que era preciso saber de memoria para poder facer a primeira comuñón— pola parte na que trataba das chamadas leis do xaxún e da abstinencia, de especial relevancia durante este tempo de Coresma, e que provocaban unha considerable confusión nas nosas mentes de cativo, polo menos na miña, debido ós termos que o bo de don Gaspar utilizaba e que ninguén se molestaba en clarexarnos.

Dicía, por exemplo, sobre o xaxún que estaba permitido tomar "por la mañana la parvedad y por la noche la colación" e que aqueles que mercasen a Bula de la Santa Cruzada tiñan o privilexio de poderen tomar queixo, leite e ovos "en la cantidad que se acostumbra entre personas timoratas ", o que implicou que durante bastante tempo un servidor denominase timoratos a todos aqueles que vía gordos e ben mantidos. Certo que aprendera a recitar de corrido que na comida da mañá non conviña pasar das dúas onzas e pola noite non se debía exceder moito das oito, pero a verdade é que aínda hoxe non son quen de calcular, nin de lonxe, semellantes cantidades.

Para o de "la parvedad" tiña algunha referencia máis, pero de carácter un tanto pexorativo, e así, cando me estreara de mestre de escola rural e, á mañá seguinte da miña chegada, o patrón da casa onde eu paraba preguntárame, solícito: "E logo, xa parveou?", non puiden menos que admirar —un tanto molesto, iso si— a sagacidade do home, que tan axiña me soubera catalogar antes de, coñecedor xa do que el en realidade quería dicir, asociar eu o verbo aquel co substantivo estudiado no libriño da doutrina.

Poucos meses despois, e debido á miña ascendencia social —palabras do señor cura párroco—, vinme na obriga de adquirir, por oito pesetas con cincuenta céntimos, a Bula da que antes falabamos.

Comentarios