Leiceaga renuncia como concelleiro de Santiago aínda que colaborará desde a Cámara co Concello

O parlamentario socialista Xaquín Fernández Leiceaga presentou esta mañá "con certo pesar" a súa renuncia á acta de concelleiro no Concello de Santiago, aínda que expresou a súa vontade de continuar colaborando co grupo municipal socialista desde a Cámara autonómica.

En declaracións os xornalistas durante a celebración do pleno do Parlamento, Fernández Leiceaga detallou que a presentación da súa renuncia, efectuada no xulgado número 5 de Compostela á primeira hora, dá lugar á entrada na corporación dun "vello veterano", dixo, que é Xosé Baqueiro.

"Fíxeno con certo pesar porque fun na lista para formar parte do goberno de Santiago cando non foi posible", recordou tras a vitoria do PP nas pasadas eleccións municipais, polo que na oposición "chocan dúas cousas".

Por unha banda, enumerou, a normativa interna do PSdeG para os parlamentarios, que han de tomar unha decisión acerca de formar parte da corporación municipal antes da súa constitución, que no caso de Santiago celebrarase o vindeiro venres.

Neste sentido, tomou a decisión, de acordo co ata agora alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, "a cegas" e "sen saber como vai quedar configurada definitivamente a corporación en canto a labores de goberno e oposición".

Polo tanto e "sendo conscientes das alternativas reais", que son continuar no Parlamento ou regresar á Universidade, pensou que "era mellor" para os socialistas en Compostela a súa colaboración desde o Parlamento.

Preguntado acerca de que lle dixo o líder do PSdeG, Manuel Vázquez, Fernández Leiceaga respondeu que acababa de comentarllo nun "breve comentario sen máis", e sobre se se atopa satisfeito coa súa situación no grupo dixo que está a desexar que cheguen as vacacións e "descansar un pouco".

Comentarios