As probas de forza conclúen que a estrutura do Frei Luís é ''segura''

Varios obreros apuntalaron el colegio Frei Luis de Granada en el mes de noviembre. (Foto: AEP)
photo_camera Varios obreros apuntalaron el colegio Frei Luis de Granada en el mes de noviembre. (Foto: AEP)

As probas de forza realizadas no colexio Frei Luís de Granada de Sarria, que está pechado desde novembro pola aparición de gretas, «avalan a seguridade da estrutura» e reflicten que os danos son menores aos estimados inicialmente, segundo informou onte a Xunta de Galicia.

A delegación territorial en Lugo explicou que os resultados das probas levadas a cabo na estrutura do edificio resultaron «positivos e avalan a capacidade de resistencia dos forxados». Os estudos, que se realizaron para comprobar o estado das instalacións, foron elaborados por técnicos dunha empresa independente contratada pola Administración autonómica e contan co aval do catedrático de estruturas da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña, Juan Pérez, sinalou.

Por agora descoñécense as obras que será necesario facer no inmoble, aínda que serán de menor magnitude do que se estimaba. Prevese que os nenos poidan xa iniciar o próximo curso nas instalacións do colexio.

Os resultados do informe técnico foron dados a coñecer durante unha reunión celebrada na mañá de onte na que participaron a delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias; o xefe territorial de Educación, José Jesús Ramos Ledo; o alcalde e o concelleiro de educación do Concello de Sarria, José Antonio García e Francisco Pérez, respectivamente; o director do Frei Luís, Antón Soengas, e un arquitecto da Administración autonómica.

Pola tarde tivo lugar un consello escolar no que se informou aos representantes de pais, alumnos e profesores de que a estrutura do edificio non sofre graves danos.

Varias aulas do colexio foron apontoadas en novembro pola aparición das gretas, do mesmo xeito que parte da planta baixa. Nunha primeira avaliación, os especialistas achacaron as fisuras á deformación do forxado do edificio -construído fai uns 40 anos- polo paso do tempo.

Naquel momento acordouse desaloxar o Frei Luís por seguridade e recolocar aos alumnos en centros públicos da vila sarriá, aínda que continúan utilizando o comedor do colexio ao non atoparse afectado. Os 370 escolares están distribuídos nos institutos Xograr Afonso Gómez e Gregorio Fernández, o parvulario e o edificio anexo ao Frei Luís.

ENCONTRO
A Xunta celebrará unha reunión cos pais de alumnos a próxima semana

Responsables da delegación territorial da Xunta de Galicia na provincia de Lugo celebrarán a principios da próxima semana unha reunión cos pais dos alumnos do colexio para informalos sobre o estado do centro.

No encontro, cuxa data aínda está por determinar, as familias coñecerán detalladamente os resultados dos estudos técnicos levados a cabo e os traballos de reforma que se desenvolverán nas instalacións do colexio para que poidan utilizarse con normalidade.

Esta será a quinta reunión que se celebre cos pais para dar a coñecer a situación do colexio. A primeira foi tras a aparición das gretas, mentres que nos restantes tratouse a distribución dos nenos noutros centros. Estas reunións tiveron lugar no comedor do colexio e participaron centos de proxenitores.

Petición

Ademais, os pais colocaron este mes sendas pancartas no colexio e recolleron firmas para enviar á Administración autonómica para solicitar que se realicen as obras no colexio, para que o próximo curso escolar poida comezar no edificio do Frei Luís.

Comentarios