As próximas 24 horas son decisivas para Muamba

O centrocampista do Bolton Fabrice Muamba enfróntase a 24 "horas decisivas na súa loita pola vida" tras desvanecerse onte súbitamente durante un partido, segundo dixo esta madrugada o adestrador do equipo de Manchester, Owen Coyle.

O xogador inglés de orixe congoleño, de 23 anos, segue ingresado "en estado crítico" na unidade de coidados intensivos dun hospital de Londres especializado en problemas de corazón.

"É moi serio. Se Deus quere, sairá adiante, pero Fabrice está en estado crítico. As próximas 24 horas van ser cruciais", explicou Coyle tras visitar ao xogador.

Muamba, un xogador moi popular entre a afección do Bolton, desvaneceuse súbitamente aos 41 minutos do choque da Copa de Inglaterra que enfrontaba ao seu equipo co Tottenham, o que fixo suspender o partido.

Nun principio, membros dos servizos de urxencia intentaron sobre o terreo de xogo, durante dez minutos, reanimar o futbolista, que foi retirado do campo en padiola cunha máscara de osíxeno.

O adestrador do Bolton, Owen Coyle, entrou velozmente no terreo tras ver o que lle sucedeu ao futbolista e observar a reacción dos xogadores de ambos os equipos.

Muamba recibiu unha sonora ovación de todos os afeccionados presentes no estadio de White Hart Lane, que se puxeron de pé e corearon o nome do xogador.

O árbitro do encontro, o inglés Howard Webb, decidiu suspender o partido no que Tottenham e Bolton empataban a un gol tras consultalo cos respectivos adestradores, Harry Redknapp e Owen Coyle.

Fabrice Muamba fichou polo Bolton en 2008 procedente do Birmingham e, ata a data, disputara 130 partidos de Premier League cos "trotters".

Comentarios