As PAH galegas queren presentar unha ILP conxunta no Parlamento

As Plataformas de Afectados as Hipotecas galegas anunciaron que presentarán ante o Parlamento de Galicia unha Iniciativa Lexislativa Popular (IPC), na que se expoñen modificacións lexislativas que melloren as opcións das familias ante os desafiuzamentos.

Para conseguir levar a cabo a proposta necesitan 25.000 firmas que esperan conseguir en 6 meses de campaña.

Nela recóllense a creación dun Parque Público de vivenda en Galicia, a posta en marcha da Axencia Pública Galega de Aluger, a expropiación de vivendas embargadas a bancos ou filiais inmobiliarias, ofertando a dación en pago ou o aluguer social así como a paralización inmediata dos desafiuzamentos e a creación dunha Lei Galega da Vivenda.

A portavoz da PAH Vigo-Tui-Baixo Miño, Carlota Pérez, manifestou, en rolda de prensa, a intención das plataformas de levar "o grave problema dos desafiuzamentos" á Xunta de Galicia por actuar "coma se non fose con eles e só fose un problema do Goberno central".

Ademais apuntou como "especialmente condenable" o número de vivendas baleiras existente en Galicia pertencentes a entidades financeiras -en 2011 alcanzou a cifra do 18,6%- que foron "rescatadas con inxentes cantidades" de diñeiro público en xerando "un gravísimo endebedamento".

Desde a PAH seguen denunciando a existencia de desafiuzamentos "pantasma" en Vigo que, aínda que non se reflictan nos medios de comunicación, continúan deixando a familias sen fogar, "a pesar de que existen vivendas baleiras na cidade".

Comentarios