As novas fiandeiras

Non tiñan prohibido fiar fío como lle pasaba á Bela Dormente para que non se cumprise o seu destino, pero si o tiñan esquecido e afasrtado nun recuncho das súas casas e as súas memorias. Por iso, e co obxectivo de non deixar perder unha tradición arraigada na súa terra, as mulleres da parroquia vilalbesa de Insua decidiron hai dous anos volver plantar liño.

«Queremos recuperar as nosas tradicións e isto non se pode deixar morrer», di unha das mulleres da asociación San Bartolomeu de Insua, que indica que «en tódalas casas se sementaba liño e en todas había teares, pero foron desaparecendo co tempo e debido á falta de uso».

E iso é contra o que loitan agora. «A tradición do liño non pode morrer, queremos poñela en valor e volver a facer este traballo é case como estudar historia, historia viva», comentan, mentres traballan quitando a semente ao liño que recolleron estes días en «medio ferrado de terra».

«O liño saíu mellor que o ano pasado porque é máis delgadiño e iso é mellor para sacar logo o fío, pero o temporal deitouno e non está tan lucido como debera», explican as mulleres, que aseguran que pensan seguir plantándoo nos próximos anos.

PROCESO

As mulleres de Insua plantaron en abril, por segundo ano consecutivo, o liño. O luns pola tarde, ao redor dunha ducia delas recollérono e onte procederon ao seu ripado, ou, o que é o mesmo, quitáronlle as sementes e colocárono en pequenos montóns —coñecidos como lagueiros— que despois meteron no río. «Teñen que estar baixo a auga uns nove días. Despois déixanse a secar e o 11 de setembro realizaremos o último paso, a tasca», na que do liño sácase o fío para poder traballar logo con el.

«Daba moito traballo e a roupa que se facía era moi brava»

As mulleres con máis experiencia, as que puxeron en marcha a recuperación do traballo co liño en Insua, levaban máis de 45 anos sen realizar o proceso completo. «Gustar, gústanos recuperalo, pero a ver que resultados nos dá», di unha delas, que asegura que anos atrás as mulleres entretíñanse moito co liño. «Tiñan moito que facer e traballaban día e noite sen descanso», comentan. Unha das causas da súa desaparición é que «daba moito traballo e a roupa que se facía non se usaba moito, porque era moi brava». «Facíanse incluso sabas —comenta outra—, que rascaban moito, pero eran moi frescas». A volta ao traballo co liño, ademais de remover os recordos de moitas, serve como un punto de reunión para todas elas.

Unha exposición

Co fío que saquen da plantación de liño deste ano as socias, ao redor de 53 actualmente, farán traballos nos teares que conservan no local da asociación. Despois, realizarán unha exposición conxunta das súas creacións e invitarán a outros artesáns.

Comentarios