As dúbidas do xurado levan ao TSXG a anular a condena por unha extorsión en Vilalba

O TSXG anulou a condena de seis meses de prisión imposta o pasado febreiro pola Audiencia Provincial de Lugo a tres homes acusados de ameazar a un empresario en Vilalba. A Sala absólveos ao considerar que houbo «un baleiro probatorio de cargo».

A revisión da condena levou a cabo porque o xurado popular que os declarou culpables recoñeceu que o seu veredicto se baseou en «deducións» e non en datos probados. As frases vertidas na acta do xurado causaron gran sorpresa e motivaron que os letrados da defensa, Iván Méndez Marote e Luís Rifón Dourado, presentasen un recurso contra o fallo ante o Tribunal Superior de Xustiza.

Extorsión

Os tres acusados enfrontábanse a penas de dous anos de prisión por un suposto delito de ameazas na persoa dun empresario de Vilalba. Segundo apuntou entón o ministerio fiscal, D.A., nacido en Rusia, e V.M., natural de Moldavia, foron contratados por un español, F.J.O.P., para cobrar unha débeda que un vendedor de xamóns vilalbés tiña con el.

Os dous homes plantáronse na porta da casa e dixéronlle a el e á súa muller que debían pagar os 160.000 euros que debían se querían «manter a súa cabeza así como a dos seus fillos». Entón, pecharon a porta e telefonaron ao seu avogado e á Garda Civil. O home que reclama o diñeiro ao parecer observou a situación desde unha estrada próxima e, acto seguido, os tres fóronse na súa furgoneta.

Veredicto

Estes feitos foron vistos polos membros do xurado, que tras escoitar as versións de acusados e testemuñas retiráronse a deliberar e emitiron o seu veredicto. O xurado declarou culpables aos acusados e explicou que tomou a decisión «en función dos datos facilitados e deducións en base a eles obtidos, pero carecemos de datos probados», sinalou o portavoz na acta. Ademais, recoñeceron que, «tanto denunciantes como acusados, manifestaron información nesgada e contraditoria do sucedido».

Tras revisar o caso, o TSXG fai referencia ao dereito do acusado a non ser condenado a menos que a súa culpabilidade quede establecida máis aló de toda dúbida razoable, «o que non sucedería no caso que nos ocupa desde o momento en que, como sabemos, os xurados subliñan que carecen de datos probados».

O Tribunal expón que a condena imposta pola Audiencia Provincial de Lugo vulnera a presunción de inocencia e «carece de toda base razoable», polo que anula o fallo e acorda a libre absolución dos tres acusados.

POLÉMICA
Segundo veredicto que se anula tras o caso do Chucán

A anulación da condena no caso de extorsión de Vilalba reabre a polémica sobre o papel dos tribunais formados por cidadáns, aberta tras a absolución e posterior autoinculpación de José Carneiro, O Chucán, polo asasinato dunha muller en Sober.

Devolución da acta

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia expón que no caso de Vilalba debeuse devolver a acta ao xurado tras coñecer que as súas argumentacións non tiñan o valor probatorio suficiente para vulnerar o dereito á presunción de inocencia dos tres acusados, que en todo momento proclamaron a súa inocencia.

Comentarios