As débedas do Deportivo con Hacienda ascenden aos case 96 millóns de euros

O informe sobre a débeda do Deportivo e a súa masa activa que recibiu o xuíz do concurso de acredores do conxunto galego recolle unha débeda de case 96 millóns de euros coa Axencia Tributaria, dos que 34 poderán ser sometidos a quita e espera no caso de que se pacte un convenio de acredores.

Unha vez resoltos a práctica totalidade dos incidentes concursais, a débeda total do Deportivo ascende, segundo recollen hoxe distintos medios, a 160 millóns de euros, catro máis dos que foran reflectidos polos administradores no seu anterior informe.

O principal acredor do Deportivo é a Axencia Tributaria, á que se lle deben 95,9 millóns de euros, dos que 62 foron considerados de privilexio especial e, xa que logo, non poden ser sometidos a quita, algo que si sucederá cos 28,3 millóns de créditos ordinarios e os 5,6 de subordinados.

Deste xeito, a débeda privilexiada con Hacienda cae de 83 millóns a algo máis de 60 logo das decisións que adoptou o xuíz do concurso ante as demandas de impugnación da listaxe de acredores que presentou o Deportivo.

Comentarios