As covas de Valdevara requirirán novas escavacións o próximo ano

Os arqueólogos que traballan nas covas de Valdevara, situadas en Becerreá, finalizaron a semana pasada os traballos de escavación. Os achados desta campaña reafirmaron as hipóteses de anos anteriores e todo apunta a que podería haber nas grutas novos estratos máis antigos. En xullo do próximo ano renovarán os labores para intentar atopalos.

No xacemento da canteira próxima ás covas, a campaña deste ano finaliza sen que se atopou nada significativo. O arqueólogo que dirixe as escavacións, Manuel Vaqueiro, confirma que neste lugar terminaron de forma definitiva os traballos. «Só quedaba un depósito e constatamos que xa non hai nada máis nos xacementos», explicou.

As covas de Valdevara forman parte dunha franxa calcaria que se estende desde o Cantábrico ata León e son das máis importantes da comunidade galega por todos os achados que deixaron ao descuberto.

Os equipos de arqueólogos das universidades de Santiago e de Tarragona levan cinco anos traballando nestas grutas e ao longo de todo este tempo atoparon numerosos restos que lles permitiron constatar a existencia de asentamentos humanos de ata 20.000 anos de antigüidade. Cada vez que atopan un pequeno residuo o transladan ao laboratorio que instalaron en Becerreá e durante o inverno proceden á súa análise e datación.

Nas covas apareceron indicios de ocupación humana de distintas épocas. Os máis antigos son do Paleolítico e dan conta de grupos nómades de cazadores que se instalaban nas covas e marchábanse cando se lles acababan os recursos. Os restos do Neolítico permiten constatar a presenza de poboacións estables de agricultores e gandeiros. Acháronse tamén restos dun enterramento infantil datado na Idade de Bronce.

As grutas de Valdevara deixaron ao descuberto pezas de todo tipo como ósos de animais ou persoas, colgantes realizados con cunchas e pequenos restos de cerámica.

Na canteira próxima han aparecido restos de animais moito máis antigos que os de humanos. Acháronse residuos de rinoceronte, bisonte, león, hiena e pantera europea, entre outros moitos, cuxa antigüidade supera os 100.000 anos.

Comentarios