Lara Méndez, sobre a súa imputación: "Sorpréndeme que un conflito laboral vaia pola vía penal"

A alcaldesa asegura que no Concello de Lugo "xa están afeitos" a estas situacións e mostrouse convencida de que "quedará en nada"

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, expresou este martes publicamente a súa sorpresa polo feito de que un "conflito laboral" vaia dirimirse por "vía penal", despois de que a titular do xulgado de instrución número 1, Pilar de Lara, a citase para prestar declaración como investigada por un suposto delito de malversación a raíz do atraso de dous meses no cesamento dunha funcionaria por sentenza xudicial.

"Sorprende o procedemento en si", dixo Méndez, "porque estamos a falar dun conflito laboral e os conflitos laborais normalmente soluciónanse pola vía Contencioso-Administrativa, pero non por vía penal".


En todo caso, asegurou que no Concello de Lugo xa están "afeitos" a este tipo de situacións e expresou a súa "tranquilidade" porque está convencida de que se fixo "todo intentando cumprir os prazos" e "acatando as sentenzas xudiciais". De feito, asegurou que o cesamento da funcionaria produciuse nun "prazo tremendamente razoable", tendo en conta das "dificultades" coas que se atopa a administración local para cubrir a praza vacante de letrada asesora.

A rexedora local espera que esta situación "non enturbe" a relación dos socialistas co BNG e Lugonovo, os dous grupos que permitiron a súa investidura como alcaldesa, porque ela mesma explicoulles aos portavoces de todos os grupos da oposición o sucedido.

Asegurou que, coñecida a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que ordenaba o cesamento da citada funcionaria, que estaba en comisión de servizos, o goberno local púxose de "forma inmediata a traballar" para "executala". "Así se fixo e así se constatará cando declare", dixo a alcaldesa, quen opina que esta citación responde a un "descoñecemento da situación real do Concello en temas de persoal". Por iso, opina que esta imputación "quedará en nada".

O CASO. A titular do xulgado de instrución número 1 de Lugo, Pilar de Lara, citou a declarar como investigada por un suposto delito de malversación á alcaldesa da cidade, Lara Méndez, o día 21 de marzo, en relación cunha denuncia presentada polo sindicato CSIF por un suposto atraso na execución dunha sentenza en materia de persoal.

A denuncia estivo motivada polo atraso no cesamento como letrada asesora do goberno municipal da funcionaria Ana Sáez, xa que unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ordenaba este antes de maio de 2016 e o goberno local non fixo efectivo o mesmo ata xullo dese mesmo ano.
Xunto a Lara Méndez, tamén foron citados pola maxistrada para declarar como investigados o exalcalde José López Orozco e a propia funcionaria.

Comentarios