Lapsus

BEN sei que ás alturas nas que xa andamos non resulta demasiado orixinal volver falar da pouco axeitada actitude do señor xefe superior de policía da Comunidade de Valencia, pero é que as palabras coas que contestou aos xornalistas que lle preguntaban polos efectivos cos que contara para controlar aos estudantes que se manifestaban para protestar pola diminución de recursos públicos que está a padecer o ensino, fixeron que volvese á miña memoria -isto é algo que nos pasa moito aos vellos- o empezo daquel Catecismo de la Doctrina Cristiana do P. Gaspar Astete, que os da miña xeración tivemos que ‘chapar’ enteiriño e do que tantas veces xa teño falado aquí. Eran, os dese empezo, uns sinxeliños pareados a xeito de aleluias nos que se exhortaba a todo fiel cristián a lle ter devoción á cruz na que Cristo «...quiso morir por nos redimir/ de la cautividad del pecado/ y del enemigo malo».

E aquí era onde as escasas luces dun servidor comezaban a tremelucir: Se de quen nos redimiu foi do inimigo malo suponse que tería que haber tamén outra clase deles, aos que habería que cualificar de bos sen que deixasen de ser inimigos nosos, algo que, segundo o meu pobre razoamento, non resultaba especialmente gratificador. Un veciño, seminarista do maior, co que se me ocorreu consultar a cuestión, pareceu sentirse na obriga de iluminar dalgún xeito a miña moita ignorancia e, aproveitando que era verao e os días longos, fixo canto lle foi posible por mudar as miñas afeccións futbolísticas e natatorias por outras que el consideraba máis aconsellables, e así procuraba a miña compaña coa plausible idea de espelir no posible a miña obtusa capacidade de raciocinio. Sabía que o home procuraba o meu ben pero eu seguía preferindo os xogos coa pelota e os baños no Anguieiro e iso acabou por desanimalo tanto que decidiu deixarme por imposible, despedíndome cunha última lección: «Como sei que non es quen de comprender as explicacións que che poida dar, abonda con que saibas que sempre que se di o inimigo sen engadir de quen e sen andar en guerra, estase a falar do demo. Entendiches?».

Algo pensei que entendera, pero agora, despois de escoitar a don Antonio Moreno petando, autoritario, cos cotenos contra o taboleiro da mesa mentres contestaba aos informadores, comprendo que, se ben a min de pouco me valeron as explicacións do seminarista, este home aínda non debeu atopar a alguén que llelas dera. Un dos seus superiores xustificábao dicindo que fora un lapsus e que con iso quedaba o asunto resolto.

Despois diso as televisións repetiron unha chea de veces algunhas das imaxes que provocaran esas comparecencias e a verdade é que, como di unha amiga miña, houbo bastantes rapazas e rapaces que recibiron unha chea de ‘lapsus’ nas costas, na cabeza e mesmo nos fociños, supoño que para que quedase ben claro quen é, en verdade, o inimigo.

Comentarios