Láncara quere cambiar a rúa Duques de Lugo por Adolfo Suárez

O goberno municipal de Láncara quere cambiar o nome da rúa Duques de Lugo da Pobra de San Xiao por Adolfo Suárez González, polo que presentará unha moción.

O equipo de goberno decidiu presentar esta proposta ao non haber duques de Lugo, só duquesa de Lugo, polo divorcio da Infanta Elena e Jaime de Marichalar. Apostou por cambiar a denominación por Adolfo Suárez -o primeiro presidente da democracia e que faleceu o pasado domingo- co obxectivo de recoñecer «a figura e ou legado» do político, explicou o concelleiro de cultura e deportes, Andrés Caballero.

A rúa Duques de Lugo comunica coa praia fluvial da localidade e é perpendicular á estrada que une A Pobra de San Xiao e a parroquia de San Pedro de Láncara.

Esta proposta do goberno municipal será tratada no próximo pleno ordinario, que terá lugar a finais do mes de abril.

Comentarios