Láncara prohibe aos bañistas lanzarse ao río Neira desde unha pasarela

O Concello de Láncara prohibiu aos bañistas lanzarse ao río Neira desde a pasarela recentemente construída no club fluvial da Pobra de San Xiao polo perigo que supoñen estas condutas.

Os traballos de construción da pasarela concluíron a finais do pasado mes, data desde a cal algúns usuarios do club fluvial aproveitan esta ponte de madeira para subirse ás varandas e lanzarse á zona de baño desde unha altura que pode roldar os dez metros, co consecuente risco de lesións para as persoas.

Ao ter constancia deste feito, o Concello instalou un cartel no lugar prohibindo expresamente este tipo de condutas, aínda que o rótulo desapareceu aos poucos días da súa colocación e algúns bañistas seguen facendo caso omiso das recomendacións, o que xera preocupación na Administración local.

Conexións

Esta nova pasarela peonil sobre o río Neira foi proxectada para comunicar o club fluvial da Pobra de San Xiao coa urbanización de chalés de Valdriz e cun terreo que agora está tamén a disposición dos bañistas por ser de titularidade municipal, unha vez cedido ao Concello polos seus anteriores propietarios, da Casa Grande da capitalidade.

As obras de construción da pasarela contaron cun orzamento aproximado de 60.000 euros e foron financiadas con parte do diñeiro que corresponde a Láncara procedente do Fondo Estatal de Investimento Local.

Comentarios