Láncara pon en servizo tres puntos para a recollida de plásticos agrícolas

O Concello de Láncara puxo en servizo tres puntos de recollida de plásticos agrícolas na parroquia de Trasliste, na Cha de Santa Marta e nunha parcela de monte comunal en Oleiros, cuxa construción foi financiada cunha partida de 68.900 euros correspondente ao plan E.

Con motivo da entrada en funcionamento deste novo servizo, o goberno enviou cartas aos veciños do municipio informando os horarios de apertura dos tres puntos, que estarán atendidos por unha persoa.

A corporación de Láncara celebrará hoxe, ás 19.30 horas, o último pleno do ano, no que dará conta da apertura dos lugares de provisión de plásticos agrícolas e doutros asuntos, como o nomeamento do concelleiro Andrés Caballero como representante do Concello no consello escolar do colexio Ramón Piñeiro.

Camiños

Ademais, someterase a votación investimentos en pistas rurais por importe de 136.000 euros. Esta cantidade forma parte dun crédito de 170.000 euros que o pleno acordou solicitar na súa última sesión do mes de outubro cos votos a favor do grupo de goberno (PP e Tega) e a oposición dos socialistas e o BNG.

Durante a sesión plenaria tamén se tratará a elección de xuíz de paz e substituto, e exporase un informe do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño relacionado co Plan Xeral de Ordenación Municipal.

Así mesmo, levarán a pleno para a súa ratificación varias facturas da feira da Tenreira Galega -que se celebrou na Pobra de San Xiao en maio-, así como un recoñecemento extraxudicial de obrigacións do ano 2009, a pagar con cargo ao orzamento municipal do exercicio en curso.

Na orde do día figura, ademais, un acordo da xunta de goberno do mes de novembro sobre un informe do concelleiro de cultura e deportes.

Comentarios