A Xunta e Navantia valoran a aposta de Repsol polos estaleiros galegos

A Consellería de Economía e o comité de empresa de Navantia valoran a aposta de Repsol polos estaleiros galegos se finalmente resultan adxudicatarios da construción de dous gaseiros por un importe de aproximadamente 60 millóns de euros.

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, dixo hoxe en Nigrán, Pontevedra, onde participou na inauguración da nova sede da Asociación Multisectorial de Novas Tecnoloxías da Información e da Comunicación-INEO, que sempre son positivas as noticias que supoñan novas oportunidades para o sector naval.

Pola súa banda, fontes do comité de empresa de Navantia dixo a Efe que se manteñen expectantes á espera de que esta posibilidade para os estaleiros ferroláns se concrete, aínda que explicaron que lles parecería ben que así fose porque "todo o que sexa carga de traballo sería estupendo".

En todo caso, insistiron en que non se lles confirmou que Navantia-Ferrol sexa finalmente o adxudicatario, polo que esperan novidades na reunión do comité intercentros de Navantia o vindeiro martes en Madrid.

A petroleira Repsol abriu o proceso de adxudicación de dous barcos para transportar Gas Licuado de Petróleo (GLP), pero o prazo de presentación de ofertas non finalizará ata o próximo 23 de maio.

Ademais de Navantia, optan á construción dos dous gaseiros as compañías Elcano, Ibaizabal e Knutsen, explicaron a Efe fontes do sector, que sostiveron que "o máis probable" é que os gaseiros se constrúan na comunidade galega co fin de xerar emprego en España e impulsar a súa actividade.

Entre outras condicións establecidas por Repsol, figuran a construción de dous barcos de ata 4.500 metros cúbicos nun prazo de cinco anos.

Recentemente anunciouse a construción nos centros de traballo de Navantia de Ferrol e Cádiz de dous buques de acción marítima (BAM) para a Armada Española, cun orzamento total estimado de 400 millóns de euros, un prazo de construción de trinta meses e un total de 2,2 millóns de horas de traballo.

Comentarios