A Xunta ve "positivo" o fin da tractorada e insta os gandeiros a "seguir unidos"

A súa delegada en Lugo, Raquel Arias, defendeu tamén o labor do organismo autonómico "para que leven a cabo medidas para facer cumprir o pacto lácteo"

A delegada da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias, valorou este xoves "positivamente" o fin da tractorada de Agromuralla, que retirarán este venres uns 300 vehículos agrarios da Rolda da Muralla na que levan desde o 10 de decembro.

Tras presentar en rolda de prensa as liñas de axudas a empresas da Consellería de Economía, Arias defendeu que a Xunta está "á beira dos gandeiros" aínda que advertiu de que os avances deben conseguirse "a través das negociacións".

Así mesmo, insta os produtores lácteos a "seguir unidos" para fortalecer o sector e mellorar a súa posición nas negociacións con industria e distribución.

Ademais, garante que a Xunta de Galicia está a actuar como intermediaria ante o Ministerio de Agricultura "para que leven a cabo medidas para facer cumprir o pacto lácteo".

Finalmente, Arias incidiu en que o organismo autonómico instou a "axilizar a publicación do decreto de prezos de cesión e a aprobar o contrato tipo". Ademais, avanzou que a próxima semana recibirán o texto do real decreto de primeiros compradores para "poder avalialo".

Comentarios